Opinión

A VOLTA DA SÍFILIS

Asífilis, enfermidade que ata non hai moito languidecía entre recordos prostibularios de postguerra, emerxe de novo con forza de plaga bíblica. Segundo o Sistema de Información Microbiolóxica, os casos de Treponema Pallidum aumentaron en España un 16%, dato que coincide coa tendencia europea da que recentemente advertíronnos dende a OMS. Parece que a poboación, carente de todo menos de calderilla e información sexual, relaxou a cautela nas súas promiscuidades, e a consecuencia non tardou en presentarse. O malo é que, segundo os médicos, o recrudecimento sifilítico presaxia incrementos peores, como o do sida, co que comparte riscos e modos de transmisión.


A cousa é alarmante e as autoridades políticas -o paternalismo intempestivo de sempre- prodigan xa os seus consellos profilácticos con redobrada enerxía. É o recurso acostumado, a pamema recurrente ?con dotación de recursos e asignación arbitraria- que nada soluciona porque a cuestión, máis que de simple ignorancia, vai de irresponsabilidade, de irreflexión e de liberdade mal entendida, nin o efebo libertino nin o carcamal vicioso descoñecen hoxe os medios que a inventiva humana pon ao seu alcance para evita-lo perigo e, porén os utilizan cada vez menos. É un problema de sometimento, de lisa e chá escravitude. A obsesión pola inmediatez en todo e a concepción banal e consumista do sexo lles distraen das precaucións, que van quedando como un trámite para cando se vai coa parsimonia e a premeditación que permita a parella estábel. No resto de situacións, que se quintuplicaron nunha década, prima o dito castelán: 'aquí te pillo? aquí te mato'.


En realidade, non falta información, senón autocontrol; nin tempo, senón un chisco de moralidade. Exceso de profilaxe e defecto de abstinenencia, termo que os falsos progresismos acadaron confinar no rincón do escándalo. Está de moda organizar coloquios de sexualidade nos que se repasan ata a fartura as mañas existentes para esquiva-las consecuencias patolóxicas do deporte venéreo.


O vecindario sifilízase porque se deshumaniza, e deshumanízase porque toma todos os días as píldoras de animalidade que fabrican, unhas máis que outras, as factorías audiovisuais. A sífilis volve como símbolo do medo á xenuina liberdade.

Te puede interesar