Opinión

XA ESTÁ BEN

Supoño que tal e como está o patio será unha broma o do paro de Bárcenas, que a lei terá previsto para todos os defraudadores que se levaron o diñeiro a paraísos fiscais algunha medida ao respecto. Simplemente por respecto a todos os parados que non chegan a final de mes e apenas si teñen para un chusco de pan. Penso que a corrupción en España chegou xa ao seu cénit e os cidadáns non creo que poidan permitir ningún atrevimento máis nin tretas nin nunha simple bolsa de traballo para recolocar aos seus en ningunha Administración sostida co diñeiro dos contribuíntes. ¡Xa está ben! Este tipo de situacións xenera demasiada indefensión e rubor na xente honrada. Os usureiros non poden estar tan amparados pola lei nin pola xustiza; non sei se deberían ou non ter dereito ao paro. É un insulto á cidadanía; unha provocación para os pobres que máis pronto que nunca pasarán a seren de solemnidade.


A fartura social contra financeiros, especuladores, usureiros, políticos e inxustizas é tal que estamos xerando un caldo de cultivo que posiblemente teñamos que lamentarmos. A miseria, o paro, non poden permitir este tipo de agravios. Que non me digan que os partidos son imprescindibles porque quen son imprescindibles son os cidadáns cada día máis incrédulos. Cidadáns, homes e mulleres de ben que non poden cargar con todo o peso dunha crise que eles non provocaron. Non esquezamos que fóra dos partidos aínda queda pobo indignado. Pobo capaz de se organizar baixo uns principios mínimos que dita o simple sentido común e a ética natural. Se Bárcenas hai tempo que o despediron ¿cómo é que se lle ocorre agora apuntarse ao paro? ¿non lle chega o soldo para fin de mes? Estámonos a volvermos tolos. Tal vez o que debería face-la xustiza é requisa todo ese diñeiro que durante tanto tempo presuntamente roubou, para pagar a parados de verdade; aos desafIUzados da sociedade do benestar que con tanto esforzo e sacrificio construíron os nosos país e avós. Este home se está a rir de todos con peita e sen peita e o PP a poñe-lo escenario. A súa prestación de parado tamén tería que ser en 'diferido'... si, para dentro duns cen anos. Non me extrañaría que xa estea a mandar currículo a Telefónica ou a algunha desas grandes empresas que acollen e fichan como o fan nalgunhas bolsas de emprego por os seus méritos políticos. Agora si que pode dicir aquilo de 'é moi triste pedir, pero é que xa non me deixan roubar'.


O surrealismo apoderouse da verdade e todo é mentira. Ninguén xenera xa credibilidade. Agora acabo de entender o seu alcume no partido. E á hora, cando reclame por despido improcedente, ¿será tratado pola xustiza como calquera outro cidadán traballador? Iso espero.


Para rematar, penso que non cabe haber unha lei de transparencia sen desmontar todos os chiringuitos que coñecemos que pouco a pouco vanse soterrando no pozo da opacidade. Non pode haber agora un punto e aparte deixando soterrado o anterior, sexan ERE, Gürtel, Urdangarines, Bárcenas? non pode seguir tocándolles sempre a lotería aos mesmos. Os cidadáns pedimos respecto e xustiza. Hai que tirar as ventás e deixar que pase a luz. Claro, que xa non vai avisando o señor Pons que os xuíces acabarán dándolles a razón, ¿alguén o dubida?

Te puede interesar