Opinión

Cine vivo

Silke e Candela Peña son dúas rapazas que teñen en común varias cousas: un mundo afectivo moi precario, nada que perder no presente, e todo futuro por diante. Na súa viaxe en busca de fortuna compárteno todo, incluso a un ruso, con quen é imposible entenderse porque o rapaz só fala ruso, pero de quen Silke acaba namorada; tamén comparten decepcións. Esta é a historia de dúas mozas amigas que queren prosperar e que se van á aventura, aínda que o que realmente buscan é sentirse algo menos soas. Desta idea partiu a tamén mociña directora Icíar Bollaín para esta, a súa primeira película: “Ola, estás soa?”. “Tiña ganas de ver no cine unhas rapazas reais de vinte anos, ás que puidera crer”, sen estereotipos. Os vinte anos “é ese momento da vida no que estás intentando atopar o teu lugar no mundo, no que te formulas ás veces o pasado porque che está estorbando para vivir o presente, e onde non sentes ningunha necesidade de mirar o futuro”, comenta a directora.

Aínda que principiante, Bollaín non era unha descoñecida cando presentou esta película no festival de Valladolid en 1995 (premio á mellor dirección novel). Desde que Victor Erice a elixira para protagonizar “O Sur” (1983), participara como actriz nunha ducia de películas, sendo xa a súa cara emblema de certo cine de prestixio, principalmente de novos autores. Pero, ademais de traballos interpretativos, Icíar ansiaba dirixir as súas propias películas. Despois de varios tenteos preparatorios, con “Ola, estás soa?”, deu o primeiro paso desa ambición e o resultado é moto máis que prometedor, pois non é nada frecuente atopar unha primeira longametraxe onde haxa tanto achegamento entre o que se busca e o que se atopa. E menos cando o buscado e o atopado é cine completamente vivo, construído con intérpretes e personaxes cheos de graza e de verdade.

O filme amosa a unha directora e guionista dotada dun tacto e dun bo gusto excepcionais, o que permite adiviñar nesta muller unha ollada indistintamente suave e enérxica, amigable e penetrante. E para unha película pequena son palabras maiores.

Te puede interesar