Opinión

Exceso redundante

Jim Jarmusch converteu unha sinxela, eficaz e xocosa curtametraxe nunha innecesaria, irrelevante e reiterativa longametraxe. O que fora un dos guías do cine independente americano dos oitenta e noventa semella estancado nunha roda de muíño que lle fai repetir os mesmos esquemas sen o acerto nin a frescura de entón. En 2003, Jarmusch estrea “Coffee and Cigarettes”, filme baseado na simple acumulación, composto por 11 curtametraxes coa nicotina, o fume e a conversación como eixe central.

A película, que contén tres pezas antigas e oito realizadas expresamente para esta produción, soa máis a divertimento entre amigos e a operación comercial nun momento de anquilosamento creativo que a verdadeiro traballo con intencións cinematográficas. Entre as curtas recuperadas destaca a que constituíu a semente orixinal, realizada en 1986. A de 1989 carecía da insolencia do anterior. Mentres que a de 1993 si contiña certa chispa, aínda que máis por culpa da arrasadora personalidade dos seus actores (os cantantes Iggy Pop e Tom Waits interpretábanse a si mesmos) que pola verdadeira valía da peza.

Emporiso, das oito curtas novas, só unha alcanza un bo nivel: a protagonizada por Alfred Molina e Steve Coogan, cunha mordaz crítica dos artistas, os seus egos e a falsidade que preside as súas relacións sociais. Das demais, só se salva o interese mediático que pode ter o desempeñado polos irmáns compoñentes do grupo de rock The White Stripes e, se acaso, a duplicidade interpretativa de Cate Blanchett na peza bautizada como “Cousins”, onde a actriz se desdobra como ela mesma e como unha suposta curmá súa.

A todo isto engadir que, ó estar rodadas baixo o mesmo esquema cinematográfico (plano, contraplano, plano xeral, plano cenital da mesa cos cafés e os cigarros), sen apenas movementos de cámara nin mobilidade interna no encadre, “Coffee and Cigarettes” convértese nun exceso redundante. Hai moreas de excelentes curtametraxes baseadas nunha conversación, pero tantas seguidas acaban resultando un encordio.

Te puede interesar