Opinión

De expresións e refráns

Ata o corenta de maio non quites o saio. Ás veces vai máis alá do corenta de maio. Ás veces vai sete días máis. Como aconteceu estes días, que o venres 17 aínda caeron trombas de auga que semellaba a fin do mundo. E o mércores 15 incluso o mes de xuño nos recompensou con bastante frío. Como se ve, de cando en cando, o tempo climatolóxico pasa olimpicamente dos refráns ou sentenzas.

Outros tampouco lles fan moito caso ós refráns. Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe. Ó que madruga, Deus o axuda. Ó COB nin dunha maneira nin de outra. Nin fixeron uns nin o axudaron outros. Tiveron todo un ano para resolver o ascenso á ACB, pero debían estar tan ben roncando no leito que ninguén madrugou e, claro, ninguén o axudou. Se non choras, non mamas. Así, de poder estar na liga dos grandes, a día de hoxe (venres),  ten incluso moitas trazas, moitos visos de desaparecer. Ai, que pouco lles importa a algúns os sentimentos dunha afección!

Agora tócalle a quenda a outra expresión política que é moi boa: bla, bla, bla, bla, bla, bla, ou sexa, runrun-runrun, runrun-runrun, é dicir, predícame cura, predícame fraile, por un oído me entra e por outro me sae. Refírome á campaña electoral, por suposto. Todo son promesas que, despois, non se cumprirán nin o dous por cento. Seguro!

Rematamos xa con outra expresión máis: non hai inimigo pequeno. Futbolisticamente falando. Na Eurocopa os modestos sóbenselle ás barbas, póñenselle nas patas de atrás ós presuntos intocables. A estes cústalles unha barbaridade ganar; xeralmente fano pola mínima e no último suspiro, no último alento. A ver se nos decatamos dunha vez: que ninguén se pode durmir nas pallas. Nin no fútbol nin no baloncesto. Nin na propia vida.

Te puede interesar