Opinión

Faise maior

Sinceramente, a min seméllame que aínda hai poucos días que rematou a anterior edición do Festival Internacional de Cine de Ourense. Certo que algo axudou que me chamaran para ver ou revisar ou seleccionar máis dun cento de longametraxes, polo que case se pode dicir que, para un servidor, o festival, o OUFF xa empezou no verán. Emporiso, oficialmente, aquí está de novo. 

E, coidadiño, o OUFF empeza a facerse maior ou xa é maior. Non é moco de pavo cumprir 20 anos xa! Mérito máis que enorme para un evento que, ano tras ano, é sempre bastante criticado. 

Un evento cultural que non se critica pola cultura en si, senón polos asuntos políticos ou económicos. O de económicos ata podo chegar a entendelos por aquilo das subvencións (que non está hoxe subvencionado e non se critica tanto?) e de que hai xente que non só lle importa un pemento o cine, senón a cultura en xeral, e claro, pensará que cos seus cartos non teñen por que se divertir outros, aínda que, a cultura, paréceme a min, que non é cousa de rir. Creo que as maiores críticas, incluso as procedentes da economía, proceden dos políticos que, para botar en cara os éxitos ou fracasos, andan sempre á greña a ver quen se leva máis méritos ou paus, a ver quen a ten máis grande, como se adoita dicir. 

Despois, se un se fixa un chisco, moitos deses críticos nin saben de que cor é a pantalla “branca” dun cine.Pois ben, arrastras, agatuñando, coxeando (ninguén é perfecto, dito incluso polo deus cinematográfico, en boca de Trueba, chamado Billy Wilder) o OUFF empeza hoxe a cumprir 20 anos. Para tal ocasión, para tal aniversario que mellor que homenaxealo cunha sección titulada precisamente “20 anos”, na que se proxectarán algunhas das películas que se levantaron con algún ou algúns premios importantes do festival en edicións anteriores. Non obstante, o esencial, sempre serán as películas a competición: oito de ficción e dous documentais. E xa non queda outra que seguir a máxima de Aute: “cine, cine, cine, máis cine, por favor”. Pois aquí chega. A gozala!

Te puede interesar