Opinión

As historias de Fellini

El mesmo pensaba que non daba a medida do que debería ser un director de cine, porque dicía que lle faltaba o gusto polo engano tiránico, pola coherencia, que lle faltaba capacidade para poder render e, sobre todo, que lle faltaba autoridade. A pesar diso, Federico Fellini encheu a súa vida de historias, rodou máis de vinte películas, recibiu, entre outros, catro Oscar e, por suposto, está considerado como un dos directores máis importantes de todos os tempos.

Fellini naceu o 20 de xaneiro de 1920 en Rímini. A súa familia formaba parte da pequena burguesía. Tan axiña como puido empezou a publicar artigos e debuxos para a revista humorística 42, que se editaba en Florencia. Ó acabar o Liceo conseguiu dos seus pais diñeiro para trasladarse a Roma e matricularse na Facultade de Dereito. Na capital de Italia descubriu un novo mundo e empezou a súa actividade como xornalista, gañando as súas primeiras libras. El prefería a revista humorística Marc´ Aurelio e nas súas instalacións se presentou. Os seus debuxos gustaron e axiña viu unha oportunidade para achegarse ó mundo do cine.

Non tardou en aparecer unha produtora que buscaba xente capaz de aportar ideas. Fellini presentou unha carpeta chea de esbozos que noite tras noite foi facendo e conseguiu colocar algúns. En 1940, grazas a unha idea súa que logo se converteu en guión, coñeceu a Aldo Fabrizi, que sería o intérprete de Avanti c’è posto (1942), unha curiosa trama coa que Fellini ganou diñeiro pero non popularidade. Non obstante, a súa amizade con Fabrizi abriulle definitivamente as portas do cine.

Grazas a Fabrizi coñeceu a Roberto Rossellini, ó que lle escribiu varios guións. Finalmente, en 1951, dirixiu a súa primeira película, en colaboración con Alberto Lattuada, Luces de variedades. Con O xeque branco (1952) empezou xa a súa aventura en solitario, que nos deixou, entre outras marabillas, A Strada (1954), As noites de Cabiria (1957), A Dolce Vita (1960), 8½ (1963), Giulietta dos espíritos (1965), Roma (1972), Amarcord (1973), E la neva va (1983), e Ginger e Fred (1986). Unha anécdota: Amarcord alborotou e impresionou o patio de butacas do colexio dos Milagres. Proxectárona naqueles tempos!

Te puede interesar