Opinión

A idea do fragmento

O azar ou a casualidade empurraron a John Sturges a realizar con frecuencia filmes de atmosfera construídos en función da lenta progresión dun conflito e do estalido final de violencia, o que non deixa de ser chocante tratándose dun realizador de probadas aptitudes para a avaliación do fragmento: “Astucia de muller” (1953), un film noir de árida linguaxe que conta cunha das mellores prestacións de Barbara Stanwyck e de Ralph Meeker; “Conspiración de silencio” (1954), western moderno explicado de acordo coas convencións narrativas dun filme de investigación criminal e cuxa personalidade ven dada pola acumulativa mirada dun estraño (Spencer Tracy) sobre unha paisaxe mítica degradada; “Desafío na cidade morta” (1958), na que entran en confrontación unha idea da cordura social e o romanticismo aventureiro; e sobre todo “O último tren de Gun Hill” (1959), outra variación sobre o clásico tema westerniano da amizade traizoada, realizada á sombra das magníficas achegas, das boas aproximacións de Delmer Daves. En todas elas prevalece, a pesar da súa estrutura dramática, a idea do fragmento. Pero John Sturges está lonxe de ser Fritz Lang.

Tanto “Desafío na cidade morta” como “O último tren de Gun Hill” coinciden en servirse dos mesmos esquemas: citei xa o da amizade traizoada, pero aínda máis importante que este é o do enfrontamento entre dúas posturas opostas ante a vida. En “O último tren de Gun Hill”, o cacique Anthony Quinn é o portavoz da orde social dentro dunha colectividade na que “cando alguén mata a un indio non o matamos senón que o recompensamos”; o shérif Kirk Douglas optou pola ética do individualista, aínda sabendo que esa elección leva, acarrexa a súa marxinación como escuro shérif dun pequeno poboado anónimo. O conflito que formula, que presenta o filme vai incluso máis alá do dilema moral dos dous amigos enfrontados.

Te puede interesar