Opinión

Quería que marcaran

Eu quería que marcaran os xogadores de Liechtenstein, pero, pobriños, non marcaron. A verdade é que me deron algo de pena. E máis sabendo que con eles xogaba un fillo de galego. Estamos en todos os lugares do mundo. Ata en Liechtenstein! A ver!, habendo un galego na lúa, como non vai estar algún á beira dos Alpes. E aínda hai uns cantos, xa que oín perfectamente como alguén que estaba no campo berraba un “veña, Iaguiño!”, en clara alusión a Iago Aspas. Eu quería que se levaran unha alegría os xogadores e o público dese país case impronunciable. Que menos… sen liga, sen practicamente profesionais, con, non sei se dixeron, pouco máis de 2000 licenzas e 35.000 habitantes. Pobriños, levaron oito goles acá e oito alá. A eles téñenselle que facer a maioría dos partidos moi longos, eternos; e case sempre pechadiños no seu campo. Entendo perfectamente á súa xente alentándoos cando conseguen ir máis alá do medio do campo. Ata eu me alegraba. De todo isto, quizais a súa gran recompensa estea no intercambio de camisetas con xogadores de prestixio, sexan españois, ingleses, alemáns ou italianos.

Te puede interesar