Opinión

A fonte das ferras

Ubicada preto da aldea de Ferradal, situada nun parque natural de extraordinaria beleza, á beira dun regato, encontrase a fonte das Ferras, que pertence ó concello de Pereiro de Aguiar.

Os dous termos -Ferradal e Ferras - xunguidos para dicirnos que o ferro é o protagonista da historia dunhas augas que manaron e seguen manando nunha fonte que noutrora tivo moita importancia no acontecer cotián dos veciños circundantes.

O parque das Ferras, co decorrer do tempo, foi pasando ó libro do esquecemento ata que, ano tras ano, un alcalde responsable e com-petentente, de nome Eliseo Fernández, lembrouse de limpalo e facer transitable o sendeiro que ó longo do regato nos leva ó devandito parque. Como consecuencia a xente pode disfrutar da fonte e do entorno, que segue sendo un recuncho de extraordinaria beleza, especialmente para os maiores por proporcionarlles lembra zas inesquecibles.

A historia da mencionada fonte é moi antiga. A ela fixo mención o señor Bernardo Fidalgo, máis coñecido polo alcume de “o Poula”, que viviu no século pasado. Contaba o señor Fidalgo que na casa dos seus devanceiros, hospedábanse xentes procedentes de distintos puntos de Galicia e incluso doutras provincias de España para tomar as “augas ferras” recomendadas polos facultativos como medicinais.

Eu recordo que na miña infancia e xuventude os vecinos próximos ás Ferras íamos formar parte dunha quenda para encher os botixos de auga fresca e confortable (auga ferra) para beber nas comidas.

Tamén lembro que ó solpor, despois das duras tarefas do agro, mozos e mozas acudiamos ó parque para celebrar animados bailes ó son da pandeireta. Endexamais se me esqueceron anécdotas curiosas como, por exemplo, cando os mozos gardabamos unha lagartiña no bulso para introducila pola espalda ou polo escote das mozas e as xoldas que se liaban namentres elas se puñan nerviosas.

En fin, é de desexar que o labor do alcalde Eliseo non entre en saco roto e que o parque das Ferras volva recuperar o antigo protagonismo.

Te puede interesar