Opinión

Filgueira Valverde

Uniume a Don Xosé-Fernando Filgueira e máis a súa dona María Teresa unha fonda amizade a que, co tempo, fun engadindo a súa man dereita, ese home senlleiro que é Xosé Carlos Valle Pérez. Con eles tiven moitas e prolongadas conversas das que sempre se aprendía algunha cousa nova ben documentada.

Naquela incomparábel terraza detrás da súa casa en Pontevedra tivemos moitas merendas inesquecíbeis sempre con aquela dozura que a todos nos contaxiaba María Teresa. Co matrimonio tiven a honra de acudir e pasar uns días en Bruselas perante a Europalia cun grande cúmulo de anécdotas que non esquecerei. Como aquela ó remate dun acto na Grande Place de Bruselas, cun frío tremendo. Estabamos agardando a cola para entrar a xantar nun restaurante que María Teresa coñecía ben. Primeiro na cola apareceron dous falando galego, o que a nós nos alegrou. Mais cando quixemos falar con aqueles, agacharon a cabeza e deron volta para atrás... O Filgueira soltou: "Como son algúns galegos!". Unha vez sentados no restaurante comezamos a falar en francés, sobre todo María Teresa que dominaba o idioma. Despois, xa nos postres, ó manifestarlle ó mozo que nos servía que nós eramos galegos díxonos que
o dono o era tamén. Filgueira lle dixo que fixera o favor de vir para o saudar... pasou media hora e non apareceu. Espetoulle Filgueira unha frase: "Por si acaso!" E alí nos contou aquela anécdota que nos fixo rir: "Pillaron un barco de pesca en África e puxeron á tripulación contra a parede. A ver, preséntense! De onde son vostedes? Un respondeu: todos galegos menos o capitán que é de Muros".

Estas e moitas outras vivencias veñen a min dende que foi dedicado o Día das Letras Galegas a este gran pontevedrés. Alí naceu no ano 1906 e alí finou no 1996. Nunca a cidade do Lérez lle pagará dabondo o que por ela fixo. O museo de Pontevedra aí está lembrándonolo. A súa incomparable biblioteca, que impedía camiñar pola súa casa onde todo eran libros, é outro sinal que nos deixou e que José Carlos Valle soubo interpretar ó sentir e mailos desexos do seu íntimo amigo Filgueira acrecentando o seu legado e coidando cun mimo impresionante todo o referente a el.

É por iso que sentín a meirande alegría por esa data que se vai conmemorar. Respecto, mais non comprendo, as polémicas xurdidas por esta decisión tomada pola Real Academia Galega. Ó escoller a este persoeiro para lembrar as nosas letras no día de Rosalía afirman que o fan pola "extensa obra de carácter divulgativo que o converten nunha das figuras centrais da cultura galega do século XX".

Recentemente Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, facía unhas declaracións certeiras afirmando: "É unha personalidade capital na historia de Galicia. Un dos oito ou dez grandes ca- pítulos da cultura galega dos séculos XIX e XX, comparándoo con Otero Pedrayo ó que seguiu sobre todo en materia medieval galego-portuguesa no que era, o de Trasalva, unha autoridade. "Era -di o presidente da RAG- unha persoa de rigorosa moral, un dos grandes, sabio e erudito, bondadoso e xeneroso, que fixo todo o ben que puido antes e despois do 36."

E no fondo tamén me alegro por Valle Pérez que é fidelisimo a súa memoria. Nos últimos anos, xa moi diminuído Filgueira e na ausencia da súa querida María Teresa, coidouno como a un pai, con cariño e mimo. E cada día que pasa aquela obra inxente do Museo pontevedrés, o gran soño de Filgueira, vai sempre para adiante. Eu fun testemuña de iso. En Pontevedra estimulou o eido da cultural e promoveu numerosas medidas dirixidas á conservación do conxunto histórico e monumental. Non é momento de lembrar os posibles erros nos seus mandatos, froito da época que nunca da súa mala intención, que non a tiña. Era todo corazón. 

Te puede interesar