Opinión

¿Galicia vai ben ou vaivén?

Si escoitamos ó señor Pérez Touriño todo funciona de marabilla dende que preside a Xunta dos dous gobernos. Segundo as súas proprias verbas ’Galicia está na Champions League’. E quédase tan pancho despois de dicir semellante animalada.


A sanidade funciona como nunca (é verdade: pior que nunca), o AVE é unha realidade en Galicia (¿ónde?), non hai paro (nas filas socialistas), a educación ten unha excelente calidade (ejem, ejem), as galegas e galegos non teñen problemas económicos porque aquí os prezos non suben e dirixe en perfecta armonía co seu socio nacionalista un executivo de fábula (coincido: teñen un conto impresionante). Aínda por riba, como ten tempo libre, quere nomear ós bispos e facer as candidaturas doutras formacións noutras Comunidades Autónomas.


Na beira (e que non se me cabree ningún por esa palabra) nacionalista, o señor Quintana tamén presume: todo marcha ben gracias ó BNG, xa non hai problemas de vivenda en Galicia: hai dabondo e moi ben de prezo, o desemprego nacionalista desapareceu (certo), nomea ministras (pero non calquera ministra: o mellorciño do mellorciño para Galicia), en cada rúa hai tropecentos centros de día, residencias de maiores, galescolas... Hai cartos para todos e axudas do seu departamento a esgalla, a televisión de Touriño é plural (salen todos os conselleiros socialistas) e o trece deixou de ser o número da mala sorte (aínda que sexan trece as/os deputadas/os que sosteñen a pata -¿mala pata?- nacionalista do bipartito xunteiro).


Eses serían os líderes ’teóricos da Galicia vai ben’, aqueles que creen a tope nas súas proprias e propagandísticas notas de prensa, que teñen como libro de cabeceira a colección de fotocopias dos anuncios e demáis propaganda que pagamos todos e que ordenan publicar eles. Pero existe tamén a palabra ’vaivén’, unha verba que o diccionario define como ’movemento brusco nun sentido e logo noutro’, tamén como ’sucesión de cousas na que unhas se opoñen ás outras’.


E penso que ’vaivén’ axústase perfectamente á descrición do Goberno actual, unha colección de movementos bruscos, de cantadas, de provocacións dunha parte e deslealtades doutra, que comprobamos tódolos días. Enfrentamentos continuados que revelan un goberno partido, dous proxectos políticos irreconciliables, nula dirección conxunta e ausencia de obxectivos de país.


E a realidade amosa a parálise do executivo: saturación crónica dos servizos de urxencia dos hospitais galegos, caída libre do investimento estranxeiro en Galicia, poder adquisitivo dos galegos por debaixo da media de España, Galicia perde o liderado eólico que ostentaba dende hai anos Nun escenario no que unha parte do goberno presenta propostas de lei á marxe da outra banda, banda que resposta coa mesma munición... Un lamentable espectáculo no que deputados dun dos grupos critican públicamente as propostas dos conselleiros ’do outro lado’... Unha política de desplantes, unha política de vaivéns que cada día frustra as expectativas de Galicia e a convirte no faimerrir nacional...


¡Qué cara nos saíu esta moqueta!

Te puede interesar