Opinión

A gran noticia

Para facerse unha idea de cómo está a funcionar a Xunta de Galicia, basta con reflexionar sobre un titular de moitos xornáis non hai moitas datas. Resaltábase en negriña que o presidente e o vicepresidente vanse reunir para falar. Como vostedes o viron por sí mesmos non precisan comprobar si estou a inventar algo. Porque así é a realidade galega no que respecta ó Goberno: dun patetismo absoluto. A conclusión é clara: non se falan. Alomenos habitualmente. A rocambolesca noticia, impropia incluso dunha república bananeira, completábase con que non se sabía nin a data nin o lugar. Semellaba un spielbergniano encontro na terceira fase ¿Qué se pode esperar dun goberno que convirte en noticia o que debía ser unha pauta habitual de comportamento? ¿Qué esperar dun executivo con dúas cabezas que manteñen unha conversa de cando en vez e de xeito sorpresivo? Vivir para ver. Ninguén ignora a estas alturas que hai dous gobernos.


Ninguén descoñece que cada parte vai por libre. Todos sabemos que o presidente non ten ascendencia algunha sobre as conselleiros/as nacionalistas e que nunca despacharon a solas. O mesmo que o vicepresidente respecto dos conselleiros/as socialistas. Son compartimentos-estanco, áreas blindadas. Por eso falamos sempre dun presidente en precario porque nada pinta na metade da administración que supostamente dirixe.


E tamén temos constatado que este modelo exportouse ós concellos galegos onde goberna un bipartito de nacionalistas e socialistas. Por eso agora moita máis xente sabe que os alcaldes socialistas son alcaldes en precario e que os tenientes de alcalde nacio nalistas son verdadeiros alcaldes nas súas áreas de goberno. Agora son moitos máis as galegas e galegos os que contemplan estupefactos un xeito de gobernar irracional e caricaturesco, tan lexítimo como disparatado. Todo por un pedaciño de moqueta.


Cando quedan poucos meses para a nova confrontación electoral que debuxará o novo Parlamento Galego na oitava lexislatura, teremos a oportunidade de poñer a proba a nosa capacidade de sorpresa. Porque tanto nacionalistas como socialistas criticaranse a fondo, chamaranse de todo ante a indredulidade do corpo electoral. Será o momento de contrapoñer dous modelos: o dun goberno sólido e cun proxecto para Galicia ou un novo experimento de coalición que debera presentarse conxuntamente ante o electorado para non solucionar nun despacho o que as urnas non validan maioritariamente. Agora que, polo visto, xa se falan poderían falar de presentarse xuntos as eleccións e non pensar sólo na porta traseira da democracia.


(*) Parlamentario autonómico do PP

Te puede interesar