Opinión

A nova política

Cando vostede esté a leer estas reflexións posiblemente non precise máis de dous minutos para chegar á seguinte conclusión: as galegas e galegos decidiron apostar hai máis de tres meses por un novo xeito de facer política. Porque o bipartito foi o gran fracaso da historia política de Galicia, marcado pola presenza por primeira vez do nacionalismo no Executivo autonómico. E as galegas e galegos pronunciáronse aberta e maioritariamente a favor dun goberno único, sólido e estable para esta andaina da crise económica que o bigoberno galego anterior e o socialista de ZP non foron, nin son, quen de atallar.


O resultado do un de marzo non sólo lexitimou o liderazgo de Núñez Feijóo senón que, permítanme a expresión, ‘matou dous paxaros dun tiro’. E non me estou referindo especialmente aos dous presuntos líderes do bipartito, que xa gozan da condición de ex por obra e gracia das urnas, senón que falo da propaganda e do despilfarro no gasto. A frustración que a experiencia traumática do bigoberno supuxo en moitos votantes socialistas e nacionalistas fixo que hoxendía eses dous proxectos políticos disten moito de pasar polo seu mellor momento, abusando do eufemismo.


Estamos no tempo da nova política. O tempo dunha maioría absoluta de galegos (¿quen dicía que rematara o tempo das maiorías absolutas?, creo que os mesmos que se gaban de levar máis de trinta anos con ese resultado en Andalucía ou máis de vinte nalgún concello ‘balconis causa’) que optaron por un programa coñecido e creíble, que estase a cumprir nos pouco máis de cen días que leva o novo goberno facendo o que está obrigado a facer: gobernar. Un tempo de compromiso real con Galicia, asinando un convenio clave co Goberno de España nun tema crucial e estratéxico como a comunicación ferroviaria con alta velocidade. Unha era de fluida relación interinstitucional con visitas a tódalas grandes cidades e xuntanzas de traballo cos presidentes das deputacións provinciais. Un momento histórico cun esforzo de austeridade, coa reducción de altos cargos e supresión de gastos superfluos e demáis ornatos churriguerescos, co recente anun cio do presidente de facer para o 2010 un orzamento realista e reducido, sen pantasmadas, para seleccionar a materialización de proxectos clave para Galicia. Unha época desta nova política na que, por primeira vez, comparece o presidente da Xunta nun pleno extraordinario no mes de xullo para falar da financiación autonómica, unha das difíciles probas que tivo que facer frente tan pronto tomou posesión herdando unha posición difícilmente xustificable por feble e cativa.


Estes son algúns dos datos da nova política que estamos a percibir galegas e galegos nun intre no que proliferan as típicas análises dos cen primeiros días dun executivo... Creo que tamén procede facer esa avaliación, cos pros e contras -tamén as ten evidentemente o novo goberno- respecto dos cen primeiros días dos Vázquez como novos líderes dos seus proxectos políticos, perdedores nas urnas (por dúas veces en tres meses) pola suprema vontade das galegas e dos galegos.


(*) Vicepresidente do Parlamento de Galicia e deputado do PPdeG

Te puede interesar