Opinión

Oseira, Marín e o polbo do Carballiño

Polbo á feira.
photo_camera Polbo á feira.

No lles vou falar de gastronomía, tema sempre apetitoso. Tampouco entrarei na polémica popular -que non lingüística- sobre se ao saboroso cefalópodo, debamos chamaralle en galego “pulpo” ou polbo. Os lingüistas usan o último, non teñen dúbida. Pero coincidirán comigo que o mellor sitio para degustalo en Ourense é o que preparan as “pulpeiras” -ou polbeiras, como tamén se chaman as dornas mariñeiras que os pescaban?- da parroquia carballiñesa de Santa María de Arcos.

O asunto que me ocupa é falarlles da indisoluble maridaxe entre Carballiño, terra do interior, e o polbo, procedente do mar, relación que non deixa de parecernos curiosa porque ás veces foi esquecida. Pero historicamente está xustificada polo vínculo que existiu entre a comarca do Carballiño e este produto mariño, nexo que debemos buscar nas vicisitudes históricas do mosteiro de Oseira coa pontevedresa vila de Marín. Hai máis de 870 anos que o mosteiro de Oseira se fixo cun couto nesa vila e porto mariñeiro. E a historia conta, ademais, con feitos e nomes propios que se remontan a mediados do século XII. O caso é que gran parte do actual termo municipal de Marín foi señorío pertencente ao ourensán mosteiro de Oseira. Alá, naquela fermosa beira da ría de Pontevedra, os monxes cistercienses estableceron unha dependencia supeditada ao mosteiro principal, un “Priorado”, para xestionar e enviarlles as rendas á casa nai, como vimos, ao dito mosteiro de Oseira, rendas que obtiñan do recentemente adquirido couto marítimo e terrestre e que incluía parte da vila marinense. E como non, do couto tamén extraían produtos mariños. José Torres Martínez na súa obra “Pequeña Historia de Marín”, de 1984, contaba o seguinte”...desde la cesión de su Villa y Coto marítimo al Monasterio de Osera, no ha sido más que una secular empresa colonizadora que los monjes blancos llevaron a cabo en esta tierra de Morrazo, pues al tiempo que se preocuparon por difundir la fe cristiana y a procurar el pasto espiritual a los colonos y habitantes de su Granxa, desarrollaron la pesca, facilitando viviendas, barcos y redes, como también tierras y utensilios de trabajo a cuantos deseaban establecerse en los términos de sus predios monásticos”.

E xa que falabamos de nomes propios, proporcionareilles algún. O caso é que naquel século XII, concretamente en 1121, a raíña Urraca dooulle o reguengo do Porto e da Vila de Marín a Diego Arias de Deza xunto coa súa esposa, Sabina Diz, e aos seu fillos. Cando o tal Diego Arias de Deza queda viúvo, ingresa no mosteiro de Oseira, e dóalle a esta institución relixiosa as terras de Marín que antes el mesmo rexentaba. Unha vez que os monxes accederon ao territorio costeiro, estableceron unha especie de sucursal –lembren, o Priorado– no ano 1151, o que serviu para tomar posesión efectiva do novo sitio e administrar as súas rendas en función das necesidades do mosteiro principal, establecido no actual termo municipal de Cea e que tamén enseñoraba as terras do Carballiño. Entre outros produtos, o polbo chega a estas paraxes do interior de Galicia, e parece ser que dende Arcos se vai expandindo, como tamén que Diego Arias, arrepentido, logo abandonou Oseira e marchou cos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén. Pero isto xa é outra historia.

Te puede interesar