Opinión

Barxés homenaxea ó seu párroco

Como de costume, estiven un par de horas no meu pobo na pasada fin de semana. Os veciños contáronme unha boa noticia: tiñan constituída unha comisión co gallo de preparar unha homenaxe, por certo ben merecida, para o cura párroco de Santa María de Barxes, que está a celebrar as vodas de ouro scerdotais. Ben é certo que Manuel de la Fuente Velo nunca buscou na súa pastoral agradecementos, nin pagas, nin recoñecementos. Todo canto leva feito, faino convencido de que para iso foi chamado polo Señor: ‘Facer o ben, sin mirar a quen’.


Entendeu moi ben o ministerio sacerdotal e trata de vivilo o mellor que pode e entende. A catequese é para el labor inexcusable: os sábados pasea as aldeas da parroquia e cada unha das súas casas onde hai nenos, que xa son ben poucos; as capelas de cada lugar ou o mesmo coche convírtense en aulas de pedagoxía teolóxica para tódolos nenos, as veces tamén para os seus pais. A súa garganta sempre andivo renqueante, pero iso non o libera da súa homilía, ben preparada, tanto nos domingos coma en funerais ou cabodanos; as veces, sobre todo en Coresma, cada capela convírtese na súa cátedra, preparando ós feligreses para o Precepto ou para o Triduo Pascual. ¡Os veciños moitas veces pasábanlle con ben menos doctrina! Preocúpase pola práctica sacramental da súas parroquias; acolle ós pais para que bauticen ós seus nenos; fala cos adolescentes, para que non rexeiten confirmarse; dóenlle as novas correntes das vidas familiares e matrimoniais; sofre por dentro, sorrí por fora, acércase e faise amigo, e non pode irse sen deixar o recado da oferta salvadora da Igrexa a través dos seus sacramentos. Visita ós enfermos, no pobo e nos hospitais. Casi diría que esta é a pastoral máis agradecida polas xentes das súas parroquias.


Don Manuel, onde máis sobresae no seu labor pastoral é na acción caritativo-social. Coñece moi ben a súa xente; a ningunha lle falta o preciso, tanto nas urxencias ordinarias coma nos grandes acontecemenos parroquiais. É capaz de estar en vela por unha familia que pasa mal momento, ou unirse co pobo para buscar solucións para quen as precisa. Os feligreses coñécenno moi ben e por iso din: ‘O noso cura é un santo’.


En Israel hai dous lagos que se alimentan do mesmo río Xordán: Tiberíades e mar Morto. O primeiro recibe e da auga abundante; está vivo e rezuma vida. O segundo recibe auga e non da nada: está morto; é o mar Morto. De ahí a frase bíblica: ‘É mellor dar que recibir’. A vida sacerdotal de don Manuel é un lago cheo, que rezuma vida e que reparte vida. ¡Noraboa polas súas vodas de ouro e moitas gracias polos seus 36 anos connosco!

Te puede interesar