Opinión

Estudio FOESA

Acabo de ler o estudio sociolóxico sobre o territorio rural galego, realizado por FOESA para Cáritas de Galicia (Santiago 2007). Sen dicir nada novo, que non saibamos, este estudio ve subliñar que a despoboación da Galicia do Interior ten difícil arranxo, porque son múltiples os vectores que veñen confluír na mesma: empurrar a que a xente se vaia da súa terra, aproveitando para ilo a mellora das comunicacións cas que se ven favorecidos nos últimos anos. O minifundismo e a baixa rendibilidade das explotacións agropecuarias fan que chegue tarde para moitas zonas unha parcelaria que, ó amparo de xentes sen vontade, fíxose preguiceira en chegar e que agora xa sirve de ben pouco. As barreiras físicas e a dureza do ecosistema, sobre todo nas comarcas de montaña, o arcaísmo dos métodos e técnicas de producción, desanimou a moitos que, sen transición, pasaron do arado romano a nada nas súas explotacións agrarias e gandeiras.


E o estudio recórdanos que os postos de traballo non son a única solución para o problema demográfico, como xa temos dito noutras ocasións. As fortes carencias en infraestructuras (pistas, estradas, abastecemento de augas, rede eléctrica adecuada, rede de telefonía e fácil aceso a internet), a ausencia duns servicios colectivos axeitados, esenciais para a vida cotiá, (centros de ensinanza, centros de saúde, centros de fornecemento alimentario, lonxas para poder vender o que se produce, centros culturais e deportivos, centros de atención relixiosa... ), todo ilo, sumado ó inmobilismo da cultura rural con escasa capacitación educativa e profesional, fai imposible unha continuidade na Galicia do Interior.


Consecuentemente, segundo o estudio FOESA, tres son os efectos negativos e perniciosos que se desprenden de todo canto levamos dito. O primeiro é a continua e progresiva diminución dos habitantes nas comarcas rurais; o segundo é a masiva emigración dos mozos e adultos, potencialmente reproductivos, ca consecuente caída da natalidade, e o terceiro é a precipitación do envellecemento da poboación, que fai que as defuncións superen con moito ós escasos nacementos.


¿Está todo acabado? Eu penso que non. Aínda que teñamos que partir de cero, son moitas as posibilidades da Galicia do Interior que hai que poñer en valor. Pero fai falta moita humildade e valentía para ollar para quen está facendo algo: ós concellos do BNG, do PPdeG, do PSdeG e á mesma Igrexa, que tenta dar respostas in situ ós problemas que van agromando. Benvidas sexan as zonificacións da Xunta para recuperar a Galicia do Interior.

Te puede interesar