Opinión

Visita Pastoral

O señor Bispo de Ourense prosegue a Visita pastoral, despois de un ano dedicado de cheo a celebración do Xubileo de San Rosendo en Celanova. Nos vindeiros meses de xaneiro e febreiro o Sr. Bispo, D. Luis Quinteiro Fiuza, visitará o arciprestado de Ourense Sur, formado polas parroquias de Santa Eufemia, da Santísima Trindade, da Inmaculada, de San Pío X, de San Breixo de Seixalbo, de San Ildefonso de San Cibrao das Viñas, de Santa Lucía de Rairo e de Santa Mariña do Monte; oito parroquias da capital e dos redores, que agardan a presencia do seu Pastor para escoitalo e coñecer de preto as súas ensinanzas e orientacións pastorais e tamén para transmitirlle ó señor Bispo a súas inquedanzas, os seus puntos de vista e darlle a coñecer a problemática que están a vivir estas comunidades parroquiais nun mundo tan plural e polivalente.


O señor Bispo quere coñecer cómo se vai aplicando o plan de pastoral en cada unha destas comunidades; dun xeito moi especial quere saber cómo se está traballando para lograr o obxectivo da recuperación do sentido do domingo para as nosas xentes con varias vertentes: motivando ós fieis cristiáns, para que non se marchen dos templos; chegando ós que, sendo crentes, non participan na actividade da comunidade eclesial; sen descartar o interese dos axentes de pastoral por aqueles que se afastaron (ou afastamos) por moitos motivos, difíciles de concretar.


A pesar de que dez millóns e medio de españois participan de media nas festividades litúrxicas de precepto, segundo as últimas estimacións da Conferencia Episcopal Española, o Sr. Bispo está moi preocupado pola pouca asistencia á Misa nos domingos e nas festas de gardar, sobre todo nas vilas e na cidade. Este é o motivo polo que lle ten encargado a Vigairía de Pastoral organizar unha campaña co gallo de axudar ós párrocos a recuperar o sentido do domingo na vida dos cristiáns, xa que ’sen domingo non se pode vivila fe’, a segundo dicían os primeiros cristiáns.


A Visita pastoral do señor Bispo vai a ser unha boa oportunidade para achegarse a realidade concreta da nosa diocese; para coñecer o crecemento e o desenrolo de cada unha destas parroquias; para ver o gran de unión dos cristiáns, que chegan de novo, ás accións evanxelizadoras, ás celebracións litúrxicas e ás atencións caritativo-sociais, que a dinámica pastoral xera ó longo do ano. E, ó mesmo tempo, vai a ser un momento propicio para escoitar do señor Bispo unha palabra de ánimo, unha ensinanza oportuna e un respaldo a todo canto se está a facer con ilusión, con xenerosa entrega a tenor dos tempos que corren.

Te puede interesar