Opinión

San Pedro de Rocas

Dezanove son os quilómetros que separan un dos monumentos máis significativos da Ribeira Sacra ca capital ourensá.


O mosteiro maila igrexa rupestre de San Pedro de Rocas, pertencente ao Concello de Esgos, constitúe un dos eremitorios máis antigo e orixinal de Galicia e de Europa.


O seu afastado orixe, no século VI, o referenda a pedra fundacional conservada no Museo Arqueolóxico provincial de Ourense; nela se fala de sete ascetas que, instalados neste afastado e inhóspito lugar, se consagraron en vida de recollemento e oración.


Fermosas lendas dan conta de cabaleiros que, ante unha situación extrema entre a vida ou a morte, esquecen o seu pasado libertino elixindo unha vida esquecida do mundanal ruído neste incomparable, silente e fermoso lugar.


Doazóns reais, vida beneditina, preitos pola súa pertenza por parte da nobreza, desamortización, incuria, incendios e abandono son as tónicas que marcaron o paso dos séculos neste bucólico lugar ata chegar case a súa completa ruína. A súa aparente protección mediante a declaración de Monumento Histórico-Artístico, no ano 1923, non será suficiente para o seu mantemento ata que o representante de todos os concellos da provincia, a Deputación provincial de Ourense, se faga cargo de evitar a ruína, incuria mailo abandono do recinto durante tantos anos.


Recentemente a Xunta de Galicia abordou un interesante proxecto de restauración da casa do mosteiro para albergar un Centro de Interpretacón da Vida Monástica, centro que, pobremente dotado de recursos, tanto materiais como humanos, tivo un curto período de funcionamento.


Na actualidade testemuñamos o peche do devandito centro informativo ademais de, o máis lamentable, a imposibilidade da visita ao interior das covas rupestres cristianizadas. Si un turista ou grupo de visitantes desexa coñecer un monumento nacional ten que ter coñecemento do horario de visita ao mesmo e, sobre todo, se este se atopa aberto cara o público. Mala imaxe para o turista dará o ’buque insignia da Riberia Sacra’ cando alguén se achega a este paraxe atopando pechado o recinto, sumado á carencia total de información sobre o funcionamento do mesmo.



Te puede interesar