Opinión

Bolboretas no meu xardín

De cando en vez, algunha bolboreta asoma, de forma discreta ou non, a este espazo deseñado para mergullarme con tódalas garantías posíbeis nas profundidades da condición humana e, deste xeito, tentar unha fuxida cara adiante verbo da existencia superficial propia do individuo vulgar, pensaba Solovio mentres escoitaba murmurar unha canción de amor que, agarimosa, rachaba co silencio pedagóxico e reparador que adoitaba reinar no xardín dos seus segredos. Constitúe este, un recuncho que concibín para bañarme na riqueza dunha intrahistoria vivida con intensidade e, ó mesmo tempo, liberarme da pobreza que emana desa mera supervivencia cotiá á que algúns, talvez demasiados, nos están a condenar día a día, afirmouse. Para el, aquelas pequenas visitantes conxugaban tódalas virtudes da beleza e maila sensualidade e, ó mesmo tempo, materializaban unha simboloxía vital: o proceso da metamorfose presentado a modo de metáfora tanto da evolución, da paixón como da ansiada liberdade.

A bolboreta ceibe. Aquela tarde de maio, Solovio esculcaba dende a distancia como ela voaba libre e curiosa sobre o xardín que substanciaba o seu hábitat interior. Admiraba a beleza e mailo dinamismo duns movementos que lle lembraban ós propios dun ritual de apareamento ou baile noutras especies. O home reparaba en que aquelas ás femininas debuxaban unha concavidade perfecta para ascender e logo, sen ningunha solución de continuidade admisíbel, semellaban aplaudir para impulsarse nun voo maxestoso sobre aquela superficie existencial na que dominaban as lavandas, as roseiras e as camelias. Solovio ficaba apoiado sobre a fonte de auga nidia e fresca que presidía aquel verxel sensual e, mentres a observaba, pensaba que talvez fose unha xemelga de alma e que, quizabes, un día pousaría decidida sobre el para liba-lo zume sagrado que contén a copa que, coma un tesouro prezado, garda o seu templo de vida interior.

A bolboreta caprichosa. Ás veces, ela entraba no seu xardín atraída polos recendos intensos que desprendía, agradábel e baril, un gran campo de lavandas. Unha vez que saciaba a súa sede de zume reconfortante, a pequena raíña do ar batía, orgullosa e firme, as súas ás e marchaba, segura e impasible, provocando un terremoto de grado oito no seu corazón. Solovio podería estar toda a noite paseando por aquel espazo e lembrando unha man chea de escenas de paixón que xustificaban de abondo os anos, moitos, talvez demasiados, que tardaran en atoparse. Porén, debruzado no peitoril da fiestra que amosaba toda a potencia do seu paraíso, mentres vía como aquel ser caprichoso se afastaba paseniño, matinaba nunha realidade teimuda: agora só me quedan algunhas fotos, moitas vivencias e demasiadas lembranzas.

A bolboreta rexia. Decididamente vaste converter na miña musa, pensaba en alto Solovio mentres observaba a bolboreta que, de súpeto e sen aviso previo, entrara silandeira e con autoridade aquela tardiña no seu xardín. O home admiraba a delicadeza do seu voo e a estética do seu pousar, entre rexio e agarimoso, ó bordo do manancial onde abrollaba a auga que proviña do máis fondo do seu ser.

A bolboreta nocturna. Aquela fermosa noctámbula, guiada pola luz dos vagalumes nas noites de verán, achegábase cada xornada en santa procesión para liba-lo néctar daquela flor do seu xardín. Pecoreaba arredor dunha corola ben disposta e mergullábase no seu interior ata que, saciada do lene licor xerminal, despregaba satisfeita as súas ás, xusto nese intre no que o lusquefusque anunciaba a chegada inminente dun novo amencer no Ribeiro. 

Te puede interesar