Opinión

A fusión de concellos

Hai uns meses que a Xunta retomou a proposta da fusión de concellos con carácter voluntario, que alá por 2012 promovera Feijóo con magros resultados, pois so deron o paso Oza e Cesuras no 2013 e Cerdedo con Cotobade en 2016. A oposición á medida no territorio galego aséntase en duas palancas: a maioría das corporacións locais e dentro delas maioritariamente os alcaldes e grupos de goberno, que verían peligrar a sua cota de poder e protagonismo no territorio que en moitos casos rexen dende hai anos ou décadas; o outro bloque está apuntalado por moitos cidadáns polo temor á perda de identidade como membros dunha comunidade que sinten como propia a través das xeracións que os precederon.

Fóra de Galicia, a iniciativa apenas tivo eco, agás a protagonizada polos concellos de Villanueva de la Serena e Don Benito, na provincia de Badajoz, que en nada se parece ó caso galego xa que Villanueva, que é o municipio máis pequeno, conta cun censo de algo máis de 25.700 habitantes, en tanto que Don Benito roza os 35.500. A fusión foi sometida a referendo popular e gañou abrumadoramente en Villanueva, mentres que no concello máis poboado o respaldo superou unhas décimas o 66%, que era a porcentaxe mínima fixada para que fose válida. As municipais de 2023 botaron unha xerra de auga fría ó experimento, despois de que unha forza local contraria á fusión se fixera coa alcaldía. A experiencia non sirve para potenciais comparacións con Galicia, onde a agrupación de concellos ten o punto de mira no rural afectado pola perda continuada de poboación -inexorable, de momento- debido ó éxodo dos xoves e a morte dos vellos.

Aínda así, é evidente que a iniciativa asumida con convicción permitiría optimizar recursos e mellorar ou incrementar os servizos prestados á cidadanía. Concentrar esforzos, adelgazar e optimizar a maquinaria administrativa, así como o acceso a unha cantidade maior de fondos públicos, franquearían a mellora dos investimentos. Pero admitindo que sería un bon punto de partida, conviría non deixarse levar e crer que é o pasaporte á arcadia feliz.

A Galicia rural e sobre todo a interior, precisa dun proxecto -moito máis ambicioso que a fusión de concellos-, que deteña a desertización demográfica e atraiga xente nova; do contrario, os que agora se unan, dentro de quince ou vinte anos estarán na mesma realidade que hoxe invita a reducir concellos por falla de habitantes e dun futuro que garanta a supervivencia nese entorno xeográfico.

Te puede interesar