Opinión

Traballar polos demáis

Andamos en tempos revoltos, propicios ó desacougo por culpa da situación xeral, na que moita xente non atopa saída. O curioso é que a estas alturas a cidadanía xa ten interiorizado que as cousas son así, que nos caeu enriba o que nos caeu froito do azar ou do destino. Esquecemos xa que todo escomenzou doutra maneira, por culpa da acción especuladora dunhos cuantos tiburóns con traxe pero sen conciencia, que fixeron cartos no tempo das vacas gordas e hoxe siguen facéndoos á costa da crise.

O alto prezo que vai dunha situación a outra tivo, ten, un alto coste, que pagan as xentes do común, que non tiveron arte nin parte no asunto. Ainda recoñecendo as dificultades, hai que rachar co fatalismo, porque é posible salir desta. A historia dos pobos está chea de xeiras tan duras ou máis que a presente. En todas elas, o camiño fórono abrindo quenes clamaron contra a resignación e deron un paso á frente para ir cara adiante.

Seixalbo celebra mañán a Festa dos Foros, que lembra a xesta dos veciños mantendo un pleito ca Igrexa durante máis de vinte anos, nunha loita leonina pola desigualdade entre as partes. Saíron gañadores e fixéronse donos do seu futuro. Máis de século e medio despois, Fernando Freire Carril sigue sendo o referente daquela loita.

Agora, a agrupación cultural Agromadas conmemora aquil fito ca entrega dun premio a persoas ou institucións que se teñan distinguido por traballar en favor do común. Iste ano recaeu en Carlos Varela, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, polo seu traballo profesional, pero tamén a sua aportación á normalización do uso do galego na Administración de Xustiza. É meritoria a aposta polo idioma, sabendo que se desenvolve nun medio tradicionalmente renuente -por activa ou por pasiva- ca língua propia desta terra.

O premio ten carácter simbólico, polo que carece de dotación económica. Trátase de pagar con recoñecemento popular a quen traballa de seu polos demais, sen esperar recompensa algunha. Pero é unha festa bonita que cada ano disfruta máis xente nun ambiente extraordinario.

Te puede interesar