Opinión

Chabolismo, cidadáns e dereitos

No pasado Pleno do Parlamento de Galicia, e mentres se debatía unha oportunista moción do Grupo Popular, a deputada socialista Mar Barcón fixo que todas e todos os presentes nos emocionáramos cas súa brillante exposición. Se falaba sobre o realoxo de cidadáns, maioritariamente de etnia xitana, en diferentes poboacións de Galicia.


Barcón, mentres explicaba que o chabolismo é unha das expresións máis extremas da exclusión da sociedade e que, polo tanto, é un deber da administración buscar solucións para atallalo, introduxo no debate unha cuestión de fondo, da que apenas se fala, pero que resulta indispensable á hora de abordar o tema: o racismo.


O acontecido nos últimos meses con determinadas reaccións populares ante o realoxo das familias que viven en poboados chabolistas, nos obriga a reflexionar unha vez máis sobre o que se entende por dereitos.


Todas as persoas teñen o fundado dereito a vivir en barrios e cidades seguras, nas que todos, tamén os nenos e as nenas, poidan disfrutar do seu entorno. Pero hai xente, afortunadamente pouca, que en nome dese dereito á seguridade alenta discursos racistas e xenófobos, excluíntes e violentos, manipulando e mobilizando a colectivos veciñais con mentiras que fan tambalear principios que hai moito tempo que se creían consagrados. Principios queridos e protexidos por todas as democracias como son a xustiza social, a solidariedade e o ben común.


O chabolismo non é só un problema de vivenda, senón un feito no que conflúen múltiples causas como a carencia de educación, de formación, de emprego, de... Esta realidade, en todo caso, non nos debe facer pasar alto que nalgúns destes asentamentos prodúcense feitos delitivos, vencellados moitas veces ao tráfico de drogas, e que engaden unha situación de inseguridade para os veciños e veciñas que viven próximos a os mesmos.


Polo tanto, hai que partir da base de que sen un potente traballo de integración social, calquera política de vivenda, por moi boa que sexa, estaría condenada ó máis absoluto dos fracasos.


O chabolismo tampouco é so un problema de persoas xitanas, aínda que un tercio desta etnia, viven en Galicia en chabolas ou infravivendas. Toda a cidadanía sabe que en moitos destes asentamentos conviven todo tipo de etnias, incluídos paios.


Para resolver esta cuestión, que é un problema, non hai solucións fáciles. Se require un plantexamento integral e mesmo distinto para cada caso, ca intervención de diversos axentes sociais e políticos e, obviamente, ca participación dos propios chabolistas. Así, os poboados de transición son unha boa solución para os grandes asentamentos que requiren unha disolución paulatina, pero non se deben plantexar como unha solución xeral. O éxito dos mesmos vai a depender do traballo previo de inserción, precisando para elo dun gran apoio social e técnico, cun forte sistema de servizos sociais, co que non contan todas as cidades e vilas, e que recibirá o apoio de diversos departamentos do Goberno galego.


Por outra banda, é curioso e á vez repugnante que o partido político que gobernou Galicia 16 anos utilice agora este tema tan sensible para facer oposición á Xunta e á maioría dos concellos que eles xa non gobernan.


Nunca tivo o PP un modelo de erradicación do chabolismo. Seguro que moitos recordan o acontecido ca Cañada Real en Madrid e o intento de Esperanza Aguirre de expulsar a trinta mil persoas dun asentamento a golpe de porra e de escavadoras. ¿É esa a solución? ¿Recordan vostedes que apenas dous días despois estaban as casas de novo en pé? Polo tanto, máis que nunca se fai necesario un traballo coordinado, responsable e sereno que teña como obxectivo final a integración de toda a cidadanía. Claro que é imprescindible garantir a seguridade dos veciños e veciñas, de todos. É preciso combater con todo o peso da lei a delincuencia e o narcotráfico, a mesma lei que deberá tamén amparar ás persoas que ven como os seus dereitos máis básicos se ven quebrantados con comportamentos racistas.


É a hora de construír civismo entre toda a xente de ben que, afortunadamente, é a gran maioría do pais.

Te puede interesar