Opinión

O Couto mixto e Dona Inés de Castro

Son moitas as lendas que adobían a pequena historia do Couto Mixto, e moitas son as lendas que deixaron pegada na Historia de Portugal. O Couto Mixto converteuse nun símbolo, o mesmo que a dama galega Inés de Castro, de rancia estirpe dos Fernández de Castro. Ambos agromaron na bretemosa Idade Media. 

O Couto Mixto rematou política e administrativamente en 1864, data do Tratado de Lisboa, coa intervención dos representantes das dúas Monarquías Ibéricas, quedando inxerido en España. Inés de Castro morreu asasinada sen a compaixón do seu sogro, o Rei Afonso IV de Portugal. 

A fermosa Inés era galega; o Couto Mixto, pola súa parte, fixo parte das terras portuguesas da Gallaecia romana. Os dous foron reivindicados logo das súas mortes. Inés acadou o título de Raíña-Consorte por parte do seu namorado, o Infante Don Pedro de Portugal, para uns “O Cruel” e para outros “O Vengador”.

Dona Inés acudira a Lisboa na comitiva que acompañaba a súa parente Dona Constanza, filla do Infante Don Juan Manuel –autor dos contos do Conde Lucanor- e prometida do Infante portugués. Don Pedro e dona Constanza casaron, pero o príncipe portugués xa estaba cativado pola fermosa moza galega que formaba parte do séquito da anterior. Cando Constanza morreu de parto, Don Pedro e Dona Inés casaron en segredo. O matrimonio foi oficiado polo Bispo da Guarda. Mais o rei Don Afonso de Portugal e parte da nobreza sospeitaban dunha manobra política con Castela e acordaron a morte de Inés. As pedras da fonte da Quinta das Lágrimas en Coimbra quedaron tinguidas polo sangue da moza a mans de Pedro Coelho, Alvaro Gonçalves e un tal Pacheco.

Morto Afonso IV, os asasinos fuxiron para Castela perseguidos por Don Pedro que conseguiu lle fosen entregados os dous primeiros, mentres Pacheco seguira na súa fuxida para Avignon. Di a lenda que Don Pedro I, xa Rei, convidounos a un xantar no pazo real, xantar presidido por un sinistro verdugo. Este último arrancoulles o corazón aos dous asasinos, corazóns que mordeu con xenreira Don Pedro.

Despois, segundo a lenda, o monarca mandou desenterrar o cadáver de Dona Inés e sentouno nun trono facendo que desfilasen por diante, para bicarlle a man, boa parte da nobreza lusitana e proclamala Raíña-Consorte ante todos. Logo do tremendo episodio devolveuna á sepultura, descansando nun fermoso sepulcro onde aparece coroada e cos pés en dirección o mausoleo de Don Pedro no mosteiro de Alcobaça. Deste xeito cando resucite, segundo se di, o primeiro que han de ver os seus ollos será a persoa do seu namorado.

Camoens, no Canto III das Lusíadas, Resende ou Antonio Ferreira -entre outros autores- fanse eco desta historia das que hai compostas bo número de óperas e programas en medios de comunicación.

Dona Inés de Castro, a dama nobre galega que reinou en Portugal a mediados do século XIV, despois de morta, e o Couto Mixto que desapareceu no Século XIX por un Tratado, xa non son esquecidos, seguen os mesmos pasos no decorrer da Historia, cara á eternidade.

Ás 12 horas do próximo día 2 de xullo celebraremos a festa anual do Couto Mixto na aldea de Santiago de Rubiás, para nomear a tres novos xuíces honorarios, despois do tempo silenciado da pandemia. Honraremos pois aos novos xuíces honorarios e sacaremos do esquecemento a este cacho de terra galega, amenizados pola fermosa voz de María do Ceo. 

Te puede interesar