Opinión

Creer

Nós, os galegos, creemos pouco e sentimos moito. Adoitamos dicir “non creo nas meigas pero habelas hainas”. É parte da nosa antropoloxía cultural.

Somos prudentes e como consecuencia desconfiados en xeral, dubidamos. Por iso din que “non se sabe se subimos ou baixamos”. Depende. 

 Para sentir que somos galegos compre saír da Terra, viaxar. É entón cando sentimos en fondura. Cando deixamos as cousas atrás é cando lle damos valor o idioma.

A historia dinos que nunca fomos correctamente tratados. Apenas protestamos como pobo e non rexeitamos as inxustizas con enerxía, simplemente emigramos. Por iso esmorece o noso idioma. A nosa clase dirixente, que falaba galego, foise as guerras de Granada e integrouse na corte real perdendo  a lingua de seu. Outros países peninsulares non fixeron o mesmo. Co tempo vimos oportunidades na América ou na Europa. Emigramos.  Xa non había marcha atrás.

O mundo volveuse pequeno e a nosa lingua triunfa na intimidade con palabras soltas. Nada supera a tenrura dunha nai que chama “meu filliño” a seu neno. Nada mellora o sentimento do namorado cando lle di a súa parella “miña rula” mirándoa aos ollos. Nada máis fondo que as palabras dun fillo doente que chama pola súa “naiciña”. Outros pobos dirán o mesmo, son sensibles a súa lingua, pero nós vemos que perdemos o galego,  algo moi íntimo que vai esmorecendo. Respondemos ante esa realidade con palabras alleas e alma galega. Deberiamos considerar a posibilidade de recuperar esas palabras como “filliño, rula, nai” e tantas outras que nos fan pisar con seguridade e sentimento a terra do noso berce.

Non estou contra ningún idioma. Todos son ricos e oportunos, necesarios para comunicármonos ou coñecer o pasado. Pero si deixamos morrer as palabras e a nosa cultura, remataremos por desaparecer.

Creo que os galegos somos persoas con vocación universal, fillos da Terra e consecuencia dela. Eu nacín galego e quero morrer en galego. Así estarei máis pegado a un sentimento ancestral, a Galicia.

Te puede interesar