Opinión

Filomena Dato

Estou a pasar uns días nunha casa do concello de Barbadás. Esta circunstancia, máis ter que falar da inauguración do monumento o Padre Feijoo en Ourense, lembráronme que a triunfadora do certame literario de 1887, inxerido nas celebracións da efeméride, foi Filomena Dato, galega nada na rúa Cervantes de Ourense en 1856. Filomena Dato, o nome herdado na súa honra polo CEIP do Ruxidoiro en Barbadás, triunfou cando era presidenta do devandito certame a condesa dona Emilia Pardo Bazán. Tamén esta, once anos antes, participara nun concurso semellante competindo con Concepción Arenal.

Filomena Dato, gañadora deste premio, presentara un traballo en lingua galega baixo o título “En defensa das mulleres”, que mereceu máis galardóns, e que foi relacionado co mesmo tema tratado polo ilustre monxe bieito.

Daquela xa publicaba a coruñesa Sofía Casanova (1861-1958), autora de poemas e novelas, quen chegaría ser correspondente de guerra para varios xornais nacionais e internacionais, que recibían as súas crónicas desde Polonia, Rusia ou mesmo desde a Europa en guerra. 

Poderíamos dicir que Galicia, primeiro coas reflexións pro feministas do Padre Feijoo e despois con insignes escritoras como a santiaguesa Rosalía de Castro, que non se resignou a pasar desapercibida nun mundo de homes, ou con Concepción Arenal, ferrolá de nacemento, pioneira nos dereitos da muller e precursora do traballo social, foi o berce dun feminismo pragmático, no que as devanditas e outras mulleres, caso da coruñesa Francisca Herrero Garrido (Fanny Garrido), foron luceiros que iluminaron os logros sociais do Feminismo.

Non é raro pensar que estas mulleres contribuíran a dignificar o traballo feminino nunha terra na que a nai sostiña en pé a familia cando os homes emigraban na busca de fortuna, e moitas veces formaban novas familias na diáspora. 

Que Galicia sexa consecuencia dunha sociedade matriarcal non pode estrañar a ninguén, e boa proba é este ramallete de mulleres escritoras e valentes que no último tramo do século XIX foron quen de salientar, con luz de seu, nun mundo masculino, como foi o caso de Filomena Dato. 

Recordando a sor Juana Inés de la Cruz, a escritora ourensá escribiu dirixíndose ós homes:

Pois si por elas pecades

a culpa non lle votedes

que nunc´a o sol tivo culpas

de que quen o mire cegue.

Te puede interesar