Opinión

Floriano

Coido que en moitos momentos foi feliz. Sobre todo cando os mozos o festexaban en grupo. Daquela adoitaba unha pose interesante fumando un pito, e expresábase con picardía e moita gracia pese a que a súa idade moza xa quedara atrás. Pero era cos novos con quen mellor se levaba. Respectábano malia súa relativa discapacidade intelectual. Había un pacto non escrito que os obrigaba convidalo a saír, acompañalo e darlle a probar toda clase de lambetadas. En resposta recibían de Floriano comentarios extremadamente simpáticos, feixes de mostras de ledicia e algunha trasnada. Así era  Floriano.

Nas verbenas do verán ninguén lle gañaba a pasalo ben. Medraba notablemente en autoestima e perdía a timidez. Convidaba a novas e vellas a bailar. Meneábase no baile máis que ninguén, e non lle importaba que as mulleres estiveran acompañadas polas súas parellas. Sempre agardaba o momento no que podía exhibir as súas habelencias líricas, ofrecendo desde o palco dos músicos as últimas cancións de moda co micrófono fortemente amarrado. Tamén se situaba nos primeiros postos das procesións. Mostrábase devoto do Patrón, cunha flor na solapa da chaqueta e unha vela acesa na man dereita. 

Floriano era fibroso, pero pequeno de estatura. Andaba ao xornal pero non era gran traballador. Ben mirado diríase que non era un traballador fino. O mesmo lle podían saír uns regos tortos para sementar as fabas ou leitugas, que sentarse a cuberto do sol para non suar aos dous minutos de principiar a xornada. Sempre aceptaba de boa gana un grolo de viño e presumía de roupa nova, aínda que non fora de “estrena”, xa que frecuentemente era un agasallo de alguén que xa non a usaba. O que non facía era deixar de cobrar o traballo ata o último céntimo.

Un dos momentos máis felices de Floriano era a hora de xantar en casa allea, na matanza do porco ou na festa do Patrón. Nos últimos tempos andaba desdentado, mantendo só os caninos superiores, un inferior e algunha moa. Pero esta dotación dentaria chegáballe para debullar xamón, chourizo ou o que lle botaran no prato, aínda que esta eiva non lle permitía pronunciar ben algunhas palabras por escapárselle o aire da boca. Pero era o momento dos chistes e de beber sen disimulo. Recuncar… recuncaba sempre as sobremesas. A mesma ledicia lle asomaba aos ollos cando o convidaban a facer un pé nunha partida de brisca ou de tute. Sempre arrastraba de triunfo con grande balbordo. De perder, a culpa era do compañeiro.

Poucos ousaban facerlle mal. O Floriano era o sal de todas as festas do lugar. Mais tamén lle chegou a súa hora. Apenas contaba cincuenta anos cando lle deu un ictus e non se puido facer nada por el. Foi mentres sachaba na horta da familia. Os mozos encargáronse de facerlle un enterro como se merecía, con música de orquestra e pasodobres. As campás tocaron todo o día anterior a defunto,  chorando a perda do veciño da parroquia máis sobranceiro. O cadaleito do Floriano bailou nas ombreiras da mocidade.

Te puede interesar