Opinión

O interese dos libros

Poucas cousas teñen tanto atractivo como o que está agochado, oculto. Cando non podes acadar unha cousa vólvese máis desexada. Posuír o que está agochado é poder, como por exemplo era no Século XVI estar no segredo de como chegar a terras non exploradas.

No interior dun libro, detrás das letras e palabras impresas, agóchanse coñecementos, certo nivel de información e a miúdo unha historia. Unha biblioteca é a auténtica cámara do tesouro do castelo, como así se entendeu por moitos sabios da antigüidade ou polos mosteiros medievais. A mesma consideración merecen os arquivos que atesouran documentos e escritos testemuñas de feitos e negocios, que adoitan ser base de libros e bibliotecas. Celso Emilio Ferreiro refírese, en Longa noite de pedra, á cámara de pedra do mosteiro de Celanova na que se recluíron axustizados da contenda civil do 36. Realmente tratábase do antigo arquivo do mosteiro transformado en cárcere, construído totalmente en pedra para evitar incendios.

O libro pois atesoura saber, moitas veces un coñecemento que nos axuda a curar, como o compendio de remedios de Pedacio Dioscórides Anarzabeo. Outras veces recolle fantasías como é o caso do Ciprianillo, soños de fortuna .

Pero tamén un libro é un pozo de misterio, xa que cun número limitado de símbolos máxicos, as letras, é capaz de combinar palabras que expresan ideas que poden influír nos sentimentos e na vida das persoas. Un inmenso poder!

Por iso a paixón bibliófila é quen de atravesar fronteiras prohibidas. Hai coleccionistas compulsivos que endexamais se desprenderían dun dos seus exemplares e crean sentimentos pouco saudables. Dicía José L. de Villalonga que “un libro de cabecera no se escoje, se enamora uno de él”. E tamén poden crear tendencias obsesivas no bibliófilo. O escritor austríaco Georg Thomalia dicía que “para instalar unha boa biblioteca particular, precísanse dúas cousas: un amplo círculo de amigos e unha mala memoria”. Engadía o escritor alemán, Theodor Fontana, que “os libros teñen o seu orgullo. Cando se prestan non volven xamais”.

Poderíase tamén asegurar que os coleccionistas compulsivos gozan dunha estimulada sensualidade respecto aos libros. A vista, o tacto, o cheiro e mesmo o oído, son parte desa sensualidade que chega ao extremo de que hai quen deglute o papel das follas.

Coñecín un famoso escritor galego que un día veume visitar preocupado porque unha persoa o felicitaba no Nadal con follas ilustradas arrancadas dun libro vello. Evidentemente o autor desta desfeita non era quen de valorar o libro xenuíno. Máis tamén hai quen actúa por encargo, organizadamente. Este é máis difícil de localizar. Por iso existían aqueles letreiros nas bibliotecas que ameazaban coa excomuñón do que se apropiara dun exemplar dos andeis.

Máis a boa fada ven dada pola ausencia de interese polos libros da maioría dos ladróns. Os libros non atraen aos delincuentes. Ademais os libros pesan bastante.

Te puede interesar