Opinión

Unha noite inesquecible

(JOSÉ PAZ)
photo_camera (JOSÉ PAZ)

Se me preguntaran que levar a unha illa deserta, non dubidaría en responder que “a compaña doutra persoa”, xa que por moito que gozara do solpor e da fermosura da illa, acabaría por fartarme de soidade e de beleza. Precisamos ter con quen falar, con quen compartir a vida. Con quen sufrir e gozar.

Somos as persoas as que lle damos color e calor á vida. Talvez por iso dona Emilia Pardo Bazán en “De mi Tierra”, que publicou en 1888, aseguraba que nunha viaxe a Celanova, co gallo das celebracións dedicadas en Ourense ao Padre Feijoo, vivira un día “luminoso y pintoresco por excelencia” que achacou á “delicada atención” do Gobernador Civil, a uns cantos egrexios ourensáns e tamén ás xentes de Celanova, asegurando que esas últimas eran todo “animación y espíritu”.

Esta muller extraordinaria, adiantada o seu tempo, atrevida e sen medo, acreditou a súa personalidade en numerosos lances e ocasións. A viaxe para coñecer o Mosteiro de San Salvador en Celanova pareceulle inesquecible. En Ourense, dona Emilia atopábase convidada pola Prensa en calidade de Presidenta das Celebracións do Certame e do Monumento dedicado ao autor do Teatro Crítico Universal.

O feito aconteceu realmente no mes de setembro de 1887, un ano antes da publicación “De mi Tierra”. Despois da visita o Mosteiro e dun xantar excelente servido polos Escolapios, os expedicionarios deberían regresar á capital Ourensá por un camiño “endiablado”, segundo as súas propias expresións. Mais atoparon que os cocheiros non estaban nas mellores condicións pola honra que fixeran ao deus Baco, e decidiron agardar o nacemento do día seguinte, co abrente, e deste xeito eludir o atranco de ter que madrugar. Sinalaba dona Emilia que “antes velar que madrugar, es la divisa de nuestra generación de noctámbulos”.

Así pois encamiñáronse ao Casino da Vila, situado no mesmo Mosteiro, e mandaron aviso da decisión ás mozas e señoras do lugar, que responderon acudindo “numerosas, lindas y bien prendidas”. De seguro que tamén chegou o recado o estamento masculino, de tal xeito que puideron artellar un gran baile. Di a escritora que só Paz Novoa e Emilio Ferrari fóranse deitar. Os demais seica estaban “espabilados como calandrias”, estimulados pola voz dun prometedor barítono. Así transcorreu a noite ata as dúas e media, para seguir logo con música e parola ata a aurora. A quen se deixaba vencer polo sono armábanlle un estrondoso balbordo que os traía de novo á realidade. A noite tépeda non quedou sen o reforzo do chocolate e duns vasos de ponche para soportar o rigor das horas da mañanciña. Ás catro e media principiaron a albiscar, a través das fiestras, as primeiras luces do amencer, pero tiveron que agardar polos que se foran durmir. Por fin, co sol xa alto organizouse o retorno.

 Dona Emilia remata a aventura escribindo “con los ojos nos despedimos del Monasterio y con el pensamiento la relembranza de tan agradables horas y de gente tan hospitalaria y cortés”.

Máis a troula non foi recibida do mesmo xeito por todos os celanoveses. O xornalista Antón Piñeiro púxome na pista a través do seu libro sobre as rúas de Celanova (entre 1840 e 2008). Foron determinados “ambientes culturais, xornalísticos e intelectuais” os que rexeitaron o bautismo co nome da Condesa da rúa do Paseo, no canto de adxudicarlla ao médico Fernández Losada e a Curros Enriquez, que recibiron esta distinción anos máis tarde. Non paga a pena comentar esta última incidencia, nin sei si houbo replica, mais o pasar aquela mañanciña xunto á Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes, a Condesa pensou que aquela terra “tiraba dela a modo de anzol para volver a lugares coñecidos”.

Te puede interesar