Opinión

O ser do órgano

Sentado na bancada da catedral elévome -metafisicamente falando- cando escoito o son que espalla o órgano por todo o universo do templo, que medra en dimensión a medida que as notas musicais recorren os recunchos do recinto sacro.

O vento pasa polos tubos producindo harmonías fermosas, segundo manda o teclado dirixido pola man sabia e humana do organista. E os tubos, eses cilindros de distinta lonxitude e calibre, permiten o paso das bafaradas do fol do instrumento, transformando o son en graves e agudos segundo mandan as notas do pentagrama compostas por Juan Sebastian Bach. Escoitase no recinto a “Tocata e fuga en re menor”, que sube e baixa con lixeireza polos muros e columnas solemnes do lugar, sumindo nas profundidades da pedra as notas musicais, para aboiar de novo con forza e subir ata o ceo infinito. 

Escoitei dicir á catedrática do instrumento do Conservatorio de Ourense, dona Marisol Mendive, que J.S. Bach compuxo o pé de trescentas pezas de música. Sen dúbida unha considerable colleita que demostra no autor unha grande sensibilidade espiritual e musical.

Hoxe contadas persoas son afeccionados a escoitar ao rei dos instrumentos, como o chamaron en algunha xeira. Pero pese o abandono no que se atopan moitos destes, e que cada instrumento ten a súa personalidade (como acontece coas persoas), cando temos a boa fada de gozar da súa música –interpretada por un organista experimentado- a nosa alma é quen de voar polo etéreo, pensando que no paraíso adoita soar este instrumento e que a súa é a música que alí domina. 

Ourense e provincia teñen que saber que contan con case dúas decenas de órganos históricos, e que na capital existe a única cátedra do instrumento de Galicia. Deberíamos regar máis e mellor este gromo de profesionais, que en boa medida se agrupan na Asociación “Un rato no tubo”, que ten notorios protagonistas nas vilas como é o caso da profesora dona Irma en Celanova. Quizais, aquel crego que sempre vestía sotana, organista da Catedral e profesor do Conservatorio de Música, don Antonio Jaunsarás, se atope observando que destino lles damos aos órganos históricos ourensáns mentres interpreta a J,S. Bach no órgano eterno do paraíso.

Te puede interesar