Opinión

O tren

Monstro de pel escura, de escamas de aceiro, asubíos de bafo branco e fume negro. Boca ardente que engulía padas de carbón. Así era antes o tren.

Desprazábase por carrís con grande balbordo e rítmico “chác – chac”. Medrou durante o século XIX e madureceu no século XX. Agora os netos xa non son de vapor. Van pintados de distintas cores, fan menos ruído, pero seguen correndo pegados á terra por carrís, como serpes silandeiras que se alimentan chupando das catenarias a enerxía necesaria.

Lixeiros como ratos que corren cara á rateira, en menos de dúas horas e media póñense entre Madrid e Ourense, unha tolemia segundo a avoa, nunca aceptada por ela, que para facer un bo cocido aseguraba precisar unha mañá enteira. As presas nunca foron boas compañeiras da cociña!

Agora son tempos de poucos requilorios. As viaxes comezan na plataforma da estación. Miradas fuxidías agochan variadas circunstancias persoais. Mellor ollar con discreción e pasar o control de seguridade sen atrancos. No que todos coinciden é na atención prestada á pantalla dos móbiles, como algo aditivo que perdura durante a viaxe, no vagón. Cada un vai ao seu. Poucas conversas. Respostas monosilábicas. Moitos pendentes dos auriculares. As máscaras que tapan parte da faciana constitúen un bo complemento. Escoitei dicir que os máis novos rexeitan falar co veciño de asento, pero que expoñen toda a súa vida a milleiros de persoas nas redes. Pode ser en algúns casos, non en xeral. Pero guste ou non son outros tempos.

Hai quen bota de menos o “vagón restaurante” dos antigos convois, onde logo de cear falábase un bo cacho. Podías deitarte despois nun departamento de “coche cama” ou seguir a conversa comodamente instalado nunha cadeira de primeira. Agora din que é cousa pasada falar durante as viaxes.

Pero había quen non podía compartir a comodidade dos afortunados. Viaxaba en segunda ou terceira, en cativos departamentos ou asentos de madeira, ateigados de viaxeiros e de vultos. Comía o que traía da casa, soportando a proximidade cheirenta dos pés do veciño que precisaba estirar as pernas para descansar e durmir sentado. Unha tortura nos longos desprazamentos!

Te puede interesar