Opinión

Soidade

Non hai nada que facer, isto acabouse!

-Os vellos e os que vivimos nas aldeas non contamos para ninguén!

Adoitamos escoitar frases parecidas nas conversas dos paisanos do rural cando se xuntan para aproveitar as raiolas de sol na rúa ou a calor da cociña. Pódese dicir que é o pesimismo apoleirado na evidencia real… por que, quen mira pola xente que vive e se desenvolve no campo? Os Concellos?

Os Concellos malamente sobreviven. A política é quen soporta económica e territorialmente a súa existencia. Como se poden manter noventa e dous Municipios activos na provincia ourensá, que pouco máis ten que trescentos mil habitantes, dos que máis de cen mil están censados na capital, preto de corenta mil traballan ou viven noutras cidades ou provincias, e o resto distribúense entre cabeceiras de comarca e de núcleos de poboación de xeito asimétrico? Estamos entre as provincias máis envellecidas, xunto á de Zamora e de Lugo, polo que tamén estamos entre as cifras porcentuais de pensionistas máis altos da Península. Esta é a nosa industria.

O sentido común dinos que hai que xuntar e reunir Concellos e territorios para poder proporcionar servizos eficaces e eficientes, e que xa non vale a estrutura territorial creada por Javier de Burgos no século XIX. Dese xeito evitaríanse parte das deficiencias producidas polo clientelismo político en base a nóminas e subvencións. Pero o sentido común non é tan común…

E os bancos? Atenderon aos veciños e emigrantes, mentres lles daban bos beneficios. Agora estes quedan tirados, sen coñecementos operativos dixitais, sen poder actualizar as libretas de aforros ou das pensións, e sobre todo sen interlocutor de confianza ou persoa que os aconselle nas oficinas. A conversa e a información de viva voz eran fundamentais en lugares onde se lían poucos xornais.

Habería que crear inmediatamente un banco que coide dos vellos do rural e de quen sufra a fenda dixital. Dese xeito evitaríase, entre outras cousas, a inseguridade que produce gardar os cartos debaixo do colchón na casa. “Por que cartos hai que ter para un imprevisto e a tarxeta só se pode usar cando veñen os fillos; eles saben”.

Faltan médicos, mestres, transportes, patrullas de seguridade, con quen falar… falta de todo... Sobra soidade, abandono e esquecemento… salvo en épocas electorais.

Ourense… que só estas! A túa pel está inzada de feridas que a poucos doen! Que futuro será o teu?

Te puede interesar