Opinión

Terra bonita

Debo confesar que cando miro para os tellados das cidades da miña Terra hei de recoñecer que -a maioría- afea a paisaxe. E non son só os tellados, senon tamén algúns edificios construídos con distintos materiais foráneos que semellan unha pintura sen arte. Normalmente hai exceso de andares cun pendello enriba. 

Lembro que non é así en outros lugares, onde se garda unha certa uniformidade de formas e de materiais dentro dun estilo propio, e sinto mágoa. A nosa desfeita non lle doe aos que aumentas metros de superficie para gañar máis cartos coa tolerancia e cegueira dos Concellos.

A esta eiva veñen sumarse os lumes que destrúen casas, enchen de negrura o entorno rural e urbán afean a paisaxe e matan o monte e a alma de moitos galegos. A morte do verdor é a morte da terra.

Galicia é bonita de por si, sen adobíos. Pero é como unha moza fermosa que non se pode presentar enloitada e chea de lixo. Precisa dun estilo sinxelo, harmónico e ordenado no seu aliño. 

Galicia seduce coa súa soa presenza, coa fala agarimosa e doce, cantareira e tenra cando está leda, e chora con choiva vivificadora cando se atopa morriñosa. 

Galicia apértase e xoga co mar. As bágoas da morriña corren en forma de mil ríos pola súa xeografía, rios que lembran os galegos na diáspora. Son milleiros de rios literarios e reais.

Non podemos nin debemos estragar a paisaxe de Galicia e a súa forma de ser. É unha herdanza que recibimos e que temos a obriga de entregar aos nosos fillos mellorada. Paga a pena coidar da nosa Terra, loitar cos lumes e mirar polas cidades e polo rural. Galicia está enchoupada de beleza e haina que coidar, construír sen afear o entorno e mirar polos montes. Desterrar o bloque e o ladrillo. A nosa terra é bonita e temos a boa fada de vivir nela. É nosa nai, nosa filla, nosa namorada o mesmo tempo. É unha terra de pedra e cristal, de cores verdes e marelos, de sol, de néboas e de choivas, de ventos e mar. 

Galicia é bonita sen máis. 

Te puede interesar