Opinión

Constitución, garantía de futuro

Estaba rematando o ano 1978 cando en España estaba a producirse un acontecemento dos que escriben as páxinas máis gloriosas da historia. O pobo español, depositario da soberanía nacional, votaba un referendo para ratificar a constitución que nos iamos a outorgar poñendo o broche a un intenso e exemplar proceso de transición democrática.

Iniciábamos ese 6 de decembro de 1978 un camiño que posibilitaría mirar cara ao futuro dende a perspectiva dunha sociedade democrática, aberta a mergullarse na modernidade e decidida a afrontar con valentía os retos que sempre vai deparando o paso do tempo.

Hoxe estamos xa no ano 2021 e vemos coa perspectiva de 43 anos de experiencia democrática que a nosa Constitución, a norma institucional básica do estado español, garantiu futuro e estabilidade; outorgou dereitos á veciñanza e aos territorios; permitiu a apertura internacional do país e consagrou dereitos e principios básicos que aínda hoxe semellan inamovibles. A constitución permitiunos abrir a porta que nos daba acceso ao espazo no que se atopan todas as democracias asentadas e consolidadas do mundo. Entrábamos, polo tanto, noutra dimensión, a da democracia, a da participación nos asuntos públicos. Gañabamos en representatividade e transparencia, e tamén tiñamos o deber de exercer a soberanía que nos outorgaba a Carta Magna con responsabilidade e coa xenerosidade de quen quere deixar un mundo mellor aos que nos suceden.

Somos un estado social e democrático de dereito porque así o establece a Constitución. Os valores superiores do noso ordenamento xurídico son a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político porque así o determina a Constitución. Unha norma que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que integran España.

Todos os dereitos e liberdades individuais e colectivos están recoñecidos na Constitución. Sen Constitución non hai futuro porque o presente que hoxe vivimos era o futuro que a Constitución albiscou no pasado.

Por iso, cando temos claro que a Constitución é garantía de futuro, cómpre ser moi rigorosos en todo aquelo que ten que ver coa súa posible reforma; un debate que a propia Constitución preveu articulando un procedemento perfectamente estipulado para levar a cabo a reforma da mesma, porque sería un erro histórico converter á constitución nun documento ao servizo da conxuntura. A Constitución é un instrumento sólido xurdido dun consenso unánime da sociedade española e, como tal, debe ser tratada co respecto que implica estar ante o documento que permite que sexamos máis fortes e máis libres día a día.

A Constitución permite liberdades como a de expresión, mesmo para que escoitemos mensaxes e proclamas contra ela. Ese é o seu gran poder: a tolerancia de amparar declaracións erráticas e incluso insultantes que tentan minusvalorar o seu papel vertebrador da España do século XXI. Velaí reside a súa gran forza, que tamén é nosa. A forza duns alicerces que teñen que soportar arremetidas día si e día tamén por parte daqueles que son incapaces de recoñecer e valorar, na súa xusta medida, a transcendencia do consenso sobre o que se construíu a nosa Carta Magna e que, moi ao contrario, cuestionan de xeito permanente a vixencia do texto constitucional sen máis argumento que o de querer antepoñer o seu interese conxuntural sobre o consenso atemporal no que edificamos o noso ordenamento xurídico.

Por iso, neste 43º aniversario, vaia por diante os meus parabéns á Constitución. O meu recoñecemento a un texto sobre o cal a sociedade española foi encamiñando o seu avance ata converterse nunha sociedade que ten acadado as máis altas cotas da excelencia democrática.

Desde Ourense, un territorio que votou á Constitución no seu momento e tamén ao estatuto de Autonomía para Galicia (ese é o nome da Lei 171981 do 6 de abril, pois é orgánica) fago votos para que contemplemos a este texto como un gran aliado do progreso, nunca como un atranco ou inimigo dos avances. Para que pensemos máis no que nos une que naquilo que nos separa. Porque iso é o que quere a Constitución e porque iso quixeron os que a votaron en 1978. A Constitución segue a ser a garantía do noso futuro e o instrumento que posibilita a democracia no noso presente. Unha persoa, un voto. E todos, un gran país.

Te puede interesar