Opinión

CAMBALACHE

Son dos que creo que a historia non se repite, pero si que existen certos feitos que semellan paralelismos que acontecen cada certo tempo, fitos que nos indican que debemos coñecer o pasado para, na medida do posible, entender o presente e intuír o futuro. E moitas veces, por estar tan metidos nos problemas actuais, esquecémonos de pensar con serenidade e revisar a historia para atopar chaves do que acontece a día de hoxe. Nos anos trinta do século pasado, Enrique Santos Discépolo escribiu e musicou un texto con ritmo de tango, chamado 'Cambalache'. Entre outras moitas cousas o texto dicía: 'Siglo XX, Cambalache problemático y febril, el que no llora no mama y el que no afana es un gil... es lo mismo el que labura noche y día como un buey, que el que vive de los otros, que el que mata, que el que cura o está fuera de la ley.'


Pois ben, agora que levamos un decenio do século XXI, parece que esta etapa ten certa semellanza a dos inicios do século anterior que describe a famosa cantiga. E para argumentar o que digo vexamos algúns feitos que acontecen ó noso arredor e que amosan que xa non hai ética social e menos política, como denunciaba Discépolo. Os que mandan e nos gobernan, son os que primeiros vulneran a lei; son os que pagan en B, son os que predican unha cousa e á hora de gobernar practican outra totalmente diferente. Son os que fan o contrario do que prometen; son os que din que as reformas fanse para mellorar e realmente son contrarreformas que están a empeorar a situación laboral, de acceso os servizos básicos como a sanidade e o ensino e crean unha ruptura social. Pero eles seguen afirmando que estamos a saír do túnel, pois xa se ve a luz.


Con todo, os cidadáns, ven que quen nos goberna practica a corrupción sistematicamente, e que no entorno da máxima representación do Estado tamén hai corruptelas; que o Estado rescata os bancos a conta dos cidadáns, e estes teñen grandes beneficios e non se devolve o prestado; que nas deputacións e concellos acontecen cantidade de irregularidades; que no mundo da empresa hai quen rouba e explota a quen pode sen pudor, etcétera.


E a xente búscase a vida como pode. Os nosos mozos, os mellor preparados, emigran. Os membros dunha familia, para aforrar gastos, viven no mesmo fogar e renuncian a independencia, e as nosas autoridades, sobre todo as da Xunta, actúan como bedeis ás ordes do Goberno de Madrid e repiten como loros as consignas que lles dan dende capital do reino. E desta maneira poderíanse citar un longo etcétera. Diante o triste panorama, a Xustiza camiña a trancas e barrancas, pois actúa con moitas luces e sombras, e con atrasos incomprensibles, co que moitos casos dos grandes prescriben, e tamén con moitos erros e miradas para outro lado.


A cantiga aludida afirmaba que o século XX foi problemático e febril. E foino ate superada a segunda guerra mundial, e algo semellante está a acontecer nos comezos deste novo milenio. Europa está en crise, e nesta sociedade sumamente complexa vivimos todos un tanto enlamados no lodo das contrariedades ás que nos leva un liberalismo atroz que soamente busca grades beneficios económicos e convértenos a todos en números, e os problemas, en estadísticas frías, por mor da insolidariedade social froito dos seus principios e da súa propia existencia.


E como a solución ós problemas actuais é difícil, e os representantes políticos non están á altura do momento, é cando o desprestixio da clase política e das institucións democráticas aparece. Hai que medir moito os pasos pois, nese intre, aparecen os caudillos revestidos de demagoxias e populismo.


Dicía ó principio que era necesario coñecer o pasado, para non tropezar na mesma pedra como aconteceu noutros tempos. Diante a complexidade do momento, nacido basicamente da globalización económica, e da competitividade con países emerxentes, onde os dereitos sociais case non existen, o radicalismo político, o extremismo envolvido de populismo agocha os perigos de levarnos a revivir épocas escuras que poden ser moi convulsas.


(No artigo da semana pasada citei erradamente que o director xeral de Política Lingüística que estivo no acto da entrega dos Bacelos de Prata 2013 fora Anxo Lorenzo, cando foi Valentín García Gómez.)

Te puede interesar