Opinión

DEPENDE

Despois da chegada das primeiras augas do outono, de facer o cambio de hora e de ver á néboa; despois de albiscar un tempo gris e tristeiro, e cando estamos a pundo de entrar na campaña electoral do 20 N, como se do libro de Petete se tratara, presentouse o programa da salvación do país, o programa do PP. A verdade é que era necesario pois levamos un longo tempo de sobresaltos sobre a situación económica. Os informativos siguen diariamente falándonos de recortes sociais, de rescates de países, de fondos tóxicos, de axencias de cualificación, dos cartos que deben as administracións públicas, das débeda dos gregos, da prima de risco, das escandalosas xubilacións e dos cartos que birlaron os xefes das caixas, do aumento do paro que medra inexorablemente, etcétera. En fin, do habido e do por haber. E nese contexto aparece un programa en Compostela. O libro verde da salvación das Españas. Programa cheo de imprecisións, e sobre todo de propostas abertas e moi difusas, desas que poideran ser unha sorpresa inesperada cando chegue a hora da verdade. Nada novo, poderíase dicir. Se acaso, unha frase ou unha verba resumiría a primeira gran contrariedade das propostas de Rajoy: depende.


E de que depende?, como dicía a cantiga de 'Jarabe de Palo'. Pois, depende da maioría que teña o noso paisano; depende de como estean as contas; depende das presións partidarias internas. Depende do que digan os socios europeos, sobre todo a Merkel e do presidente francés. En fin, depende de moitas cousas.


De momento todos estamos convencidos que, salvo un miragre, Mariano chegará á Moncloa e a saída da crise farase mirando cara receitas e os principios da dereita. Polo tanto, non haberá reparto de cargas sociais; tampouco haberá inversión pública como motor da economía. E as demáis medidas serán, son, todo un rosario de propostas que non admiten preguntas nin aclaracións.


Iso si, Rajoy xa empeza a falar de consensos, esquecéndose que él foi o negador dos consensos. Foi o que lle pedía precisión e medidas concretas contra a crise ao Goberno de Zapatero. E agora presenta vaguedades. E cando alguén, buscando aclaracións e concrecións pide a palabra, non se permiten preguntas, pois estas poden escangallar a imaxe do candidato. Poden descubrir debilidades e carencias. Poden ser un factor negativo e moi perxudicial. Supoño que os galegos lembran a campaña das autonómicas. Nela Feijóo dicía que remataría co paro en Galicia. O paro medrou nesta terra, e agora di que a culpa é do Goberno central. Xa vedes como son as cousas.


Está claro que sofrimos unha crise sistémica que deteriorou tanto ao Goberno, que sen facer ren a oposición caeralle o poder nas mans, ao igual que aconteceu en Portugal.


Tempos grises, fríos e mortecinos son os que nos esperan. Tempos de recortes sociais e de volta ás receitas da dereita. Un empresario local hai uns días díciame: 'A esquerda dilapida os cartos dando a entender que todos son dereitos sin obligacións; e a dereita actúa dunha maneira cutre no social e soio mira para os seus intereses particulares'. E, pensándoo ben, moita razón ten. Pois ben, diante un panorama gris caben moitas preguntas. A primeira é: si en Madrid gobernan os amigos dos que mandan na Xunta deberíamos de estar moi ben atendidos en Galicia. E en Ourense mellor. Pois a nosa provincia é a que, en tantos por cento, máis votos aporta ao goberno dos populares. A resposta para min é evidente e clara. Eiqui non debía faltar de nada. As nosas reivindicacións deberían ter unha pronta solución. Pero os datos son elocuentes e moi tercos: somos, a pesares do que nos digan os líderes populares, a provincia máis envellecida e emprobrecida do Estado. Temos as pensións máis cativas de España. Temos un alto índice de paro; a nosa xuventude carece de futuro e mira cara a emigración. Temos o sector primario ferido de morte, pois a provincia é un ermo. Carecemos de industrias novas e competitivas.etcétera.


En fin, pensándoo ben teremos que facer o posible para que se nos escoite no Parlamento de Madrid. Pois ate de agora estivemos un tanto orfos, e o futuro que nos espera non é prometedor. Por tal motivo escollamos a quen defenda a Terra. Analicemos o pasado e quitemos conclusións da nosa realidade social e política.

Te puede interesar