Opinión

O importante é a reforma constitucional

Os resultados electorais do 25-M trouxeron bastantes danos colaterais. E a modificación do mapa electoral afectou directamente ós partidos que no seu día foron a clave da transición política. Iste foi, entendo, o acicate para precipitar o relevo na Xefatura do Estado. Relevo que por outra banda estaba cantado que viría máis cedo que tarde.

E diante esta nova, diversas forzas políticas e miles de cidadáns levados máis pola calor do momento que pola reflexión sosegada, saén á rúa a pedir que se someta a referéndum se o país quere monarquía ou república. Esta cuestión, que ven de vello, cala sobre todo nas novas xeneracións, as que consideran que a monarquía é un sistema político que existe fora do tempo. Mais con ter moita razón, conviría pensar sosegadamente nas vantaxes e inconvintes de ter outro tipo de réxime, por moi democrático que sexa elixir a quen represente o Estado, que, por certo, non e quen o goberna.

Parece que, ademáis do relevo na xefatura do Estado, avecíñanse tempos de reforma para a carta constitucional e, como cidadán galego, máis que falar de si república ou monarquía, paréceme moito máis interesante falar do contido da reforma e como quedará dentro desa carta á nosa querida terra. Polo tanto, interesa saber se seguiremos mantendo o estatus de nacionalidade histórica ou de nacionalidades sen máis; que tipo de competencias imos ter; que réxime económico; como queda o tema do idioma, seña de identidade colectiva, e outro tipo de cuestión todas moi importantes.

Que a todos nos gusta a democracia, pois sí. Pero, poño un exemplo: alguén pode impedir que calquera militar populista, ex presidente ou mesmo golpista, nun momento de crise e de cabreo social, sexa electo e poida chegar a ser o presidente da república? Non. Exemplos hai no mundo. Lembrades a Chávez? Este señor foi un golpista, e dende que chegou ó poder polas urnas modificou a constitución coa idea de perpetuarse na xefatura da República de Venezuela. Eso tamén pode pasar en España. Ou quen lle impide ó señor Aznar que o seu partido o lance para presidir a República Española e se antoxe modificar a Constitución para convertilo en César permanente? Entendo que isto é unha esaxeración, pero o mundo da moitas voltas.

Teño moitas dubidas sobre se é mellor unha república ou unha monarquía que ten un poder moi limitado e puramente testimonial. Ademais de ser a república moito máis inestable e máis cara económicamente que a monarquía. Pois pensemos en eleccións a dúas voltas cada catro ou cinco anos.

Por iso entrar nese debate de se unha cousa ou outra, paréceme un tanto irreal. Penso que é mellor que a reforma constitucional teña un forte contido social, elimine privilexios, modernice o país, e sobre todo deixe ben parada a Galicia para que teña capacidade de rexir os nosos destinos como nacionalidade dentro do Estado. O demais paréceme secundario.

Te puede interesar