Opinión

A quen corresponda

Hai moitos anos, máis de dez, o cantante catalán Joan Manuel Serrat lanzara ó mercado un disco no que incluía unha cantiga que tiña o título deste comentario. Nela, seguindo o modelo de instancia, pedía a quen correspondese a solución dunha serie de problemas da sociedade do momento.

Ben, pois por aquelo de seguir un pouco a súa estela, dado que Serrat nas súas cantigas sempre manda unha mensaxe positiva, e despois de escoitar no balance anual ó señor Rajoy debuxar un pais case idílico o que lle prometeu moi boas novas para o 2015, gustaríame pedirlle a el e a todos os gobernantes, pois por pedir que non quede, unha serie de cousas que necesitan ser resoltas polo ben de todos.

A primeira cousa que eu pediría a quen nos goberna no Estado, como tamén a quen o fai en Galicia, é que trate ós cidadáns como persoas adultas e responsables e non como xoguetes ós que se lle contan trolas piadosas e se lle fan promesas fermosas para que voten aínda que, despois de sentirse enganados, se rebelen e, para evitar as protestas, promúlganse leis que coartan a súas liberdades individuais e colectivas. Ou sexa, que non se nos pretenda enganar permanentemente. O primeiro é sinceridade e sobre todo non prometer o que de antemán xa se sabe que non se vai a facer, ou aínda peor, pois farase o contrario do que se dixo.

O segundo é que non se manipulen os datos para tratar de demostrar que se goberna sen facer ren. Por exemplo, estanse manipulando descaradamente os derivados da reforma laboral que tanto precarizou o emprego; os da afiliación á Seguridade Social, os do paro, os do número de persoas que emigran buscando traballo; os datos do fondo da Seguridade Social, etc. E todo para debuxar un pais que non existe e xustificar a acción dun goberno distante do que acontece na rúa e dos problemas das familias.

No terceiro lugar, pedir que, cando se fala de corrupción, sobre todo os que queren dar leccións dende o Goberno de honestidade, admitan que teñen que dar exemplo. Ou sexa, recoñecer que onde hai máis corrupción é onde hai poder e, seguindo esa premisa, aceptar que é necesario pedir perdón a unha sociedade polos abusos e ilegalidades cometidas dende o poder que foron e son moitos. E para elo, non impedir o normal funcionamento da xustiza, por mor de non aceptar que están cheos de merda ata as orellas e poden ser condenados moitos dos seus cargos.

Aceptar e corrixir estas cuestións serían as premisas que nos levarían a que un Goberno tivera algo de credibilidade, cousa que a día de hoxe non existe.

Logo, a continuación, virían as demais reivindicacións que hai que atender. Que a economía estea ó servizo da xente; que necesitamos trocar a política económica para poder medrar e saír do marasmo actual; que hai que protexer e incentivar os servizos básicos como a sanidade e a educación que lle dan coherencia e unidade á esta sociedade; que temos que preservar o medio natural; que hai que incentivar a cultura e a defensa dos valores dunha sociedade máis xusta no social, e un longo etc.

En fin, que sabedor de que en ano electoral van ser moitas as promesas que escoitemos, sobre todo dende o poder, e que a gran maioría, por non dicir todas, serán incumpridas, pediríalle a quen corresponda, para que sexa crible, que faga un acto de contrición para que o ano vindeiro a crise, que seguirá campando, sexa máis levadeira para todos. O tempo dos inocentes xa pasou, e agora toca afrontar as realidades que son algo moi distinto do que se predica dende o Goberno.

Feliz 2015 para todos.

Te puede interesar