Opinión

Galegos na canle 
de Panamá

Cando era un raparigo, na emigración na Arxentina, o meu pai falábame dos galegos e galegas que ían segar a Castela, da viaxe e da dureza do traballo, e das tarefas dos rapaces que acompañaban a “cuadrilla”. Tamén lembraba os moitos familiares e paisanos que vivían na emigración no Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba e o País Vasco. Porén, o que sempre chamou a miña atención eran as referencias que facía á emigración que ía a Lisboa, Manaus no Brasil e a Panamá. Transmitíame deste xeito unha fotografía encol do feito emigratorio na Terra dos Garabullos (era de Covas de Berredo, no concello da Bola) que forma parte da bisbarra de Celanova. Unha visión dos seus tempos de rapaz e mozo xa que naceu no ano 1919 e emigrou á Arxentina en 1948.

Traio a colación este tema, porque hai agora un século, o 7 de xuño de 1914, que o paquebote norteamericano “Alliance” sería a primeira nave que atravesase a canle de Panamá, que se inauguraría o 14 de agosto dese ano. Coma é sabido, a canle une os océanos Pacífico e Atlántico, ten 82 quilómetros de lonxitude, e un largo que varía entre 90 e 300 metros. Neste intre estanse facendo importantes obras de mellora e ampliación, especialmente nas esclusas que permiten compensar o desnivel de 26 metros entre ambos os océanos.

Os traballos na canle iniciáronse en 1879 por unha compañía francesa, que terminou en bancarrota. Os dereitos serían mercados no ano 1903 por unha empresa norteamericana que obtivo a cesión perpetua, a cambio de 10 millóns de dólares e 250.000 máis anuais, por oito quilómetros do territorio a cada lado da canle. Pra conseguir este acordo tan beneficioso, EE.UU. fomentou a secesión desta provincia de Colombia. Despois de varios conflitos e revoltas da povoación contra a presenza norteamericana, Panamá recuperou o control da canle o 31 de decembro de 1999.

A presenza de traballadores galegos na construción da canle de Panamá, á que facía referencia no limiar deste artigo, e moi pouco coñecida, malia que conformaron unha parte importante da man de obra. Xurxo Martíz Crespo no libro “Galiza en Dominicana, Nicaragua, Panamá e Venezuela, unha ollada fotográfica” analiza este fenómeno, e di que un 18,39% dos traballadores eran do Estado español, polo que eran o segundo grupo en importancia despois dos afro-antillanos. Engade que participaron na construción da canle “8.298 durante o período de 1904 a 1914, dos cales mais do 60% eran de orixe galega”.

Na canle, a forza de traballo estaba formada en dous grupos distintos, uns que pertencían ao sistema gold roll e outros ao silver roll. No primeiro sistema estaban os estadounidenses, que facían traballos administrativos, de enfermería, mecánica, etc. que recibían o seu soldo en moeda norteamericana, e tiñan uns ingresos que dobraban aos integrados no silver roll. No segundo sistema estaba o resto que cobraba en moeda panameña. E mesmo dentro deste último había diferenzas, porque os europeos cobraban máis que os afro-antillanos. Unha Comisión Investigadora nomeada polo Presidente Roosevelt constatou que na práctica había 751 diferentes tipos de pagamento entre os silver roll e 400 entre os gold roll. Ou sexa, un modelo de contrato e pagamento individualizado.

Martíz fai referencia a que “os traballadores eran contratados no seu país de orixe por axentes estadounidenses, e pagábaselles a viaxe, descontándolle despois do seu salario o importe, mais sen a garantía que tiñan os afro-antillanos de repatriación. A xornada era de 10 horas sen vacacións, a diferenza da xornada dos estadounidenses que era de 8 horas e tiñan vacacións”. Un aspecto que salientan os historiadores foi a enorme mortalidade entre os obreiros, que se calcula, segundo a fonte, entre 6.000 e 12.000 persoas, tamén por malaria e cólera; sen dúbida moitos deles galegos.

Te puede interesar