Opinión

Iguais tamén pra ser elixidos e elixidas

Asaída precipitada e silandeira de Juan Carlos, Rei emérito, puxo de novo en primeiro plano o debate sobre a permanencia da monarquía no Estado español. Non é unha cuestión secundaria, porque Felipe VI é o xefe do Estado, co que isto implica pra alén dos actos protocolarios, que son a maioría e os máis visíbeis pra sociedade. Segundo os textos. “ao monarca é o símbolo da unidade e permanencia de España, a quen corresponde arbitrar e moderar o funcionamento regular das institucións e exercer a máis alta representación da Nación. Posúe o mando supremo das Forzas Armadas, sendo como tal capitán xeral dos Exércitos”. Tan central consideraron os redactores da actual Constitución o tema que a convocatoria dun referendo sobre a república necesita ser votada dúas veces por maioría de 2/3. Ou sexa o tema ficou blindado, ignorando a vontade maioritaria da povoación e a súa decisión soberana pra realizar os cambios que considere oportunos.

Por outra banda, é difícil de crer que os negocios de Juan Carlos non fosen coñecidos até agora polos sucesivos governos, tanto da UCD, como do PSOE e PP. Semella polo tanto que existiu un consentimento coa escusa de protexer ao Estado español, ao que axudou a blindaxe na Constitución do monarca como inviolábel (non suxeito a responsabilidade en ningún tema). Unha atribución que debeu ser eliminada hai décadas. Asemade, todo indica que co obxectivo de fortalecer a monarquía fíxose unha reinterpretación histórica por parte dos sucesivos governos, partidos e medios sistémicos, respecto do papel do Rei. De xeito tal que Juan Carlos seica foi esencial pra lograr a “transición democrática”. Algo que dista da realidade. Tanto porque esquece que a monarquía foi imposta pola ditadura franquista, como porque lle dá un papel determinante no fracaso do golpe de estado do 23-f, a costa de rebaixar o protagonismo clave do movemento obreiro e das forzas soberanistas das nacionalidades históricas na loita clandestina contra a ditadura, e posteriormente.

Resulta evidente que a transición evitou a ruptura democrática, e converteu en innecesario pra o poder económico e o sector dominante do anterior réxime o golpe de estado comandado por Tejero, razón pola que fracasou (era o sector máis reaccionario). Tampouco se debe esquecer que este golpe viña precedido polos Pactos da Moncloa, que frearon a capacidade reivindicativa do movemento obreiro e dividírono nos centros de traballo; tamén estaba en xestación a LOAPA, que limitaba as competencias e o carácter diferencial das nacionalidades históricas. 

É un erro por parte de Pedro Sánchez, máxime sendo o secretario xeral dun partido que se denomina socialista, que se converta en valedor das accións de Felipe VI e que non abra o melón do debate sobre a continuidade da monarquía. Accións entre as que está a intervención do Rei co gallo do referendo catalán nas que abriu fendas en vez de botar pontes, con todo o que implicou está actitude. A de Sánchez semella unha postura tacticista, mesmo que pretenda obxectivos estratéxicos, tanto porque non é garantía da “unidade de España” e ademais, máis cedo que tarde, terase que eliminar o carácter inviolábel do monarca, en todo aquilo que non estea relacionado coa política. Ninguén pode estar por riba da lei, é volver á Idade Media. 

Segundo as enquisas a maioría da povoación, especialmente nas nacionalidades históricas e a xente moza, opta pola república. A monarquía é pra os libros de historia, propia de épocas de sociedades onde a participación popular nas decisións políticas era ignorada ou estaba limitada. Hai procesos que non se poden frear, responden a dereitos democráticos básicos que nos converten as persoas en iguais fronte á lei, tamén pra ser elixidos e elixidas pra calquera cargo político. 

Te puede interesar