Opinión

Non hai cambio 
sen atrevemento

Este 10 de marzo conmemórase o 44 aniversario do Día da Clase Obreira Galega. Unha data na que a ditadura franquista matou no Ferrol dous operarios da Bazán e feriu varias ducias máis. Nos días seguintes, 160 persoas foron despedidas e o estaleiro militarizado. Porén este intre tráxico tamén reflectiu o espírito combativo e o nivel de conciencia de clase do momento, xa que pararon en solidariedade moitas empresas na comarca, en Vigo, na Coruña, así como o estudantado na Universidade de Compostela.

Os paros de marzo de 1972 e a folga xeral de setembro na comarca de Vigo, secundada por 28.000 traballadores/as e que durou dúas semanas, agudizaron as contradicións entre as clases populares e unha ditadura que comezaba a ser tamén un atranco pra alta burguesía. Asemade, estas protestas déronlle folgos ao nacionalismo galego, que ate ese intre tiña un protagonismo menor. Neste fortalecemento tiveron unha relevancia fundamental o nacemento de organizacións de masas, que unían a loita de clases e a cuestión nacional galega. Estas organizacións foron: ERGA no movemento estudantil, as CC.LL, no agrario, o SOG, UTEG, UTBG, UTSG e SGTM, entre os traballadores e traballadoras asalariados, que se suman ao traballo político desenvolvido pola UPG no ámbito cultural.

Polo tanto, facendo unha lectura ampla da conxuntura, a importancia de 1972 non radica só na dura represión e na forte protesta obreira, e nunha solidariedade de clase que amosaba o grao de conciencia política e o estado de ánimo do momento, senón tamén en que este avance alenta novos protagonismos políticos e sociais que responden mellor á etapa histórica. Comeza na esquerda o devalar do Partido Comunista, e o seu espazo será ocupado en boa medida polo movemento nacional popular galego, especialmente entre a mocidade.

Aqueles avances, as conquistas laborais, sociais e democráticas, que custaron tantos sacrificios á clase obreira, están dende hai anos en en cuestión. A correlación de forzas foise volvendo cada vez máis favorábel ás corporacións e grandes fortunas, e aos territorios máis fortes (prexudicando a Galiza). O primeiro paso foi cos Pactos da Moncloa. Mais este proceso regresivo consolidouse coa entrada na Unión Europea (funcional aos poderosos) e acelerouse na actualidade con duras medidas de axuste coa escusa da crise, e que nunca son abondo pra Bruxelas. Unha regresión nas condicións de vida que atinxe de cheo os sectores máis débiles da sociedade, mentres se concentra e centraliza riqueza e poder como en ningún outro momento da historia da humanidade.

A globalización neoliberal deu folgos a políticas regresivas pra clase traballadora, desligando consumo e salarios, e xerando unha man de obra de reserva mundial (deslocalización empresarial, migracións forzadas, tratados de libre comercio, etc). O sindicalismo precisa facer unha reinterpretación do seu papel, que non pode ficar circunscrito á empresa e sector, á folga e mobilización circunstanciais; debe incidir na loita das ideas, e gañar protagonismo político e institucional. De ren vale que aumente o PIB, se o reparto é cada vez máis inxusto, se 2/3 das familias galegas teñen problemas pra chegar a final de mes, se a mocidade carece de emprego ou ten que emigrar, se como consecuencia destas políticas a queda demográfica coloca a Galiza á beira do desastre.

En 1972, a povoación agraria (autónomos) era moi semellante á de asalariados/as. Hoxe estes últimos son o 83% da povoación activa, e dos seus ingresos dependen as pensións. Mellorar os salarios da clase traballadora é fundamental pra construír unha sociedade máis xusta. Por esta reivindicación terminou en represión o paro de Bazán en 1972. Lembremos desta data non só o heroísmo, senón a iniciativa, o atrevemento, disputar a primeira liña.

Te puede interesar