Opinión

A OTAN económica 
ábrese paso

O pasado 5 de outubro, 12 estados asinaron un tratado de libre comercio da zona do Pacifico (TPP), no que as corporacións dos Estados Unidos van ter unha clara preponderancia. Para a súa plena vixencia debe ser referendado polo Congreso norteamericano, onde existe oposición. Este bloque representa un 40% do PIB mundial e sobre un 22% do comercio internacional. Non será un espazo económico neutro, xa que, como afirmaba Obama: “Non podemos permitir que países como China escriban as regras da economía global. Debémolas escribir nós, abrindo novos mercados aos produtos estadounidenses”. Os sindicatos do seu país non coinciden con esta visión sobre o TPP. Pra os responsábeis da AFL-CIO, a maior federación do país que agrupa 56 sindicatos e representa 12,5 millóns de traballadores, este tratado é negativo, xa que favorece ás elites corporativas.

Tres países de América Latina asinaron o acordo, a saber: Chile, Perú e México. Que o fixese este último ten certa lóxica, porque tiña un tratado semellante cos Estados Unidos e Canadá, polo que aparentemente non tería consecuencias. Mais non será así, porque se incorpora Vietnam que compite directamente coas maquilas das zonas fronteirizas de México cos Estados Unidos. Tampouco está claro que beneficie a Chile ou Perú. Pra este último, China é un cliente fundamental para as materias primas, nas que están concentradas as exportacións deste país. ¿Quen vai substituír nas importacións esta potencia asiática?...

A aprobación deste tratado, cuxo texto aínda non se coñece, porque estes acordos fanse en segredo, mesmo por estados que logo presumen de democráticos, acendeu as alarmas dentro da Unión Europea nos sectores progresistas. Xa que se están a negociar en paralelo o TTIP e máis o TISA. O primeiro, un pacto entre os Estados Unidos e a Unión Europea semellante no temario ao TPP. E o segundo, un tratado entre 50 países que afecta aos servizos públicos, aos investimentos e á protección de dados. A decisión de Uruguai de se desvincular do TISA, malia que as negociacións deste tratado contaban co apoio do Presidente, dirixente da Fronte Ampla, é un feito de suma transcendencia. O cambio debeuse á oposición do PIT-CNT, a central sindical única, e das forzas de esquerda da fronte.

Na Unión Europea a resposta máis contundente a estes tratados foi unha manifestación o pasado 10 de outubro en Berlín que axuntou a 250.000 persoas. Todo un éxito, e que se dá no corazón do estado máis potente da UE e que ademais marca en boa medida as políticas da Comisión. Na Galiza a contestación foi máis modesta, xa que se realizou unha mobilización ese mesmo día convocada por varias organizacións en Vigo á que acudiron un milleiro de persoas, e o día 17 foi a CIG a que chamou a se mobilizar no resto das cidades contra estes tratados neoliberais.

Malia o carácter segredo dos textos, polo que se vai coñecendo e polas declaracións de dirixentes de tanta importancia como Obama, resulta evidente que estes tratados teñen dúas finalidades. Por unha banda, poñer ás empresas por riba dos países mediante acordos con governos submisos. Asemade, garantir, diante da posíbel perda da guerra económica cos BRICS, a división do mundo, asegurando a hexemonía USA sobre as áreas máis ricas e a maioría dos países subdesenvolvidos, e dependentes. E ademais, unha clase traballadora máis dócil, xa que a globalización permite a deslocalización da produción, o aumento da man de obra de reserva pola destrución das formas históricas de produción e forzando a migración. A abertura de mercados hai moito tempo que demostrou que ten dúas caras. Pra uns, como pra Galiza e as clases traballadoras, é sinónimo de destrución de emprego e baixos salarios. Pra outros, os máis poderosos, riqueza e poder crecentes.

Te puede interesar