Opinión

Repensar o modelo de sociedade

A pandemia do covid-19 deixou ao descuberto as eivas do vixente sistema económico e social, da globalización neoliberal capitalista, que favorece a rapidísima propagación deste e outros virus, malia os avances tecnolóxicos e sanitarios. Non se pode obviar que hai unha ligazón coa desfeita climática, a estrema mobilidade das persoas, as enormes concentracións urbanas, a presión demográfica, a desigualdade, e a redución e privatización de servizos esenciais como a sanidade pública. Daquela que a crise asociada ao coroavirus non atinguise por igual a todos os sectores e que o turismo de masas, as migracións, e o transporte fosen dos máis afectados, xunto cos espectáculos e actividades de ocio con gran concentración de masas. 

Ou sexa, está cuestionado un modo de vida, a relación coa natureza, e o modelo demográfico e de  consumo expansivo, sobre o que se construíu unha boa parte do desenvolvemento económico nas últimas décadas. Non pretendo afirmar que estes sectores deban desaparecer, e que non sexa necesario realizar un esforzo pra recuperalos da crise até onde sexa posíbel. Porén non se pode obviar que o impacto do virus non é algo transitorio, que deixará pouso na conciencia colectiva por moito tempo, e que de non poñer os medios pra realizar as reformas e modernizacións necesarias, estas situacións criticas, vanse volver repetir con máis frecuencia, sexa en forma de coroavirus, de grandes incendios, de alarmas climáticas, etc. 

Polo tanto o esforzo de reconstrución debese apoiar sobre dous piares. Por unha banda salvar todo o que se poda do anterior modelo económico. E por outro lado dedicarlle importantes medios a desenvolver un novo sistema económico e social: máis equilibrado no demográfico (reordenación do territorio, condicións laborais que incentiven a natalidade); no produtivo máis diversificado e integrado na contorna (economía sustentábel); e con formas de ocio que incentiven a participación, é dicir, a integración no ámbito comarcal e no país. Non se trata de de volver ao autoconsumo e ao illamento, porén en todo na vida ten que existir unha orde lóxica. Non pode ser que o lonxano, co que implica no ámbito do consumo de enerxía e contaminación, sexa un símbolo de status e o máis habitual pras clases sociais acomodadas e con poder, e determinante na formación das ideas. Evidentemente estes modelos sociais non son casuais, están asociados aos intereses das grandes potencias e corporacións transnacionais, e aos obxectivos dos poderes facticos e partidos sistémicos. 

Coido que este debate é esencial, e non se pode simplificar, por máis xustos e urxentes que sexan algúns temas, como o ecolóxico e a dixitalización. Importa tamén que papel lle corresponde ao noso país, Galiza, na cadea de valor, e polo tanto na dirección do proceso, na investigación e na creación de riqueza. Importa e moito que o aumento da produtividade polo avance tecnolóxico permita garantir unha mellor atención sanitaria, de coidados da terceira idade; porén asemade que os ingresos salariais e as condicións laborais sexan dignas, e se reduza a xornada laboral, a fin de repartir o traballo e reducir á mínima expresión o desemprego. Moitos destes aspectos estiveron no debate na crise de 2008, proceso no que perdemos moitas empresas e empregos, e sobre todo diversidade produtiva e control empresarial. E ese reaxuste pagámolo con máis emigración e retroceso demográfico. 

O covid-19 implica importantes cambios económicos e sociais, e nos comportamentos individuais e colectivos. O fondo de reconstrución pode ser unha axuda ou unha trampa, dependerá dos condicionantes en materia laboral, de pensións, do papel que adxudica a cada país, e da presión de cada governo e das clases populares. 

Te puede interesar