Opinión

CITA ANUAL EN OSEIRA

Nos dez anos que fun presidente de De Ruada tratei coa Xunta Directiva de que a festa anual non decaera. Pra escomenzar o día de ledicia o primeiro e fundamental eran as eucaristías. Foron os oficiantes don Amando Araújo Iglesias, o Padre Plácido, abade do mosteiro e ao que convencín -pois a súa humildade é tan grande- que oficiara coa mitra. Díxolle ao director da coral: 'Iste Manolo Rego fai milagres'.


Logo, don Celso Pérez Carnero, e de seguido moitos anos monseñor Araújo Iglesias, que un ano, isa data, non se atopaba ben de saúde e obrigoume a dar a sagrada comunión, o que supuxo pra mín unha grandísima honra e honor, ter que repartir a máis de un cento de fieis o Corpo de Cristo.


Logo, coma sempre, e animados por unha charanga, encamiñábamos cara o campo da festa vendo percorrer o río de augas limpas. Os amigos da Coral e os coralistas, máis o oficiante, xantabamos á sombra daqueles árbores que tiñan pinta de que non durarían moitos anos sergueitos. A sombra agradecíase, porque a cita anual sempre se fai a finais do mes de xuño, logo do San Xoán, e o sol quenta dabondo.


Dos tres directores que me tocaron na miña etapa, a meu xuizo o que mellor armonizaba a misa era José María González. Grande director e persoa. As sobremesas eran alegres, pois os gaiteiros e máis as charangas encargábanse de animar ao persoal ao que pouca falla lle facía, pois estaba predisposta de antemán.


No LXXV aniversario de De Ruada engadímoslle unha nova aportación a cargo do grande actor e asemade amigo Manolo Vidal, que interpretou na sobremesa 'O Cego de Xestosa'.


A Festa de Oseira que escomenzou con don José Fernández Borrajo como presidente e o irrepetibel director Manolo de Dios, é unha das lembranzas boas que me quedan daqueles dez anos de presidente. Tamén as peregrinacións nos anos santos -un deles con don Miguel Ángel González García, que da súa cidade natal de Astorga ensinounos detalladamente a fermosa cidade que presiden os edificios de Gaudí, e que hoxe rexenta na diócese, que ten un anaco de Galicia na comarca de Valdeorras, e as Ermidas, o ourensán de Piñor de Cea, monseñor Lorenzo, ao que un ano rendímoslle elí na Catedral un sinxelo homenaxe-. Tamén a viaxe por Galicia -Compostela, A Coruña, Vigo- sempre coa axuda de Xosé Luis Baltar Pumar, como a estancia de varios días en Andalucía.


Tempos aqueles que levo no meu corazón, a gratitude de haber sido merecente da Isiña de Ouro e Brillantes de Ruada. ¡Qué tempos!

Te puede interesar