Opinión

OS IRMÁNS OUTEIRIÑO

Si, don Alejandro Outeiriño Rodríguez foi un grande empresario, o motor que fixo de La Región o xornal que el pilotou dende que no 1933 vaise facendo coas accións que pertencían ó Bispado e máis a outros ourensáns, ata facerse coa totalidade do xornal, xunto co seu irmán Ricardo, que se encargaba da dirección xornalística (don Alejandro tamén no 1951 faise co carnet pra exercer, como fixo anos máis tarde, na dirección).


Pois ben, hoxe toca falar de don Ricardo, ao que tratei -igual que a don Alejandro-, íntimamente, xa que logo viviu sempre na rúa na que levo eu perto de oitenta anos. Esí que cando non había autobuses tiñamos que camiñar dende o centro ata Marcelo Macías, onde como dixen éramos veciños. El, con don Alejandro, eran íntimos amigos do meu bo pai. Don Ricardo inicioume nas tarefas de colaborador de La Región fai a friolera de coarenta e tres anos (teño arquivados perto de tres mil cincocenta artigos). E don Ricardo autorizou a publicar no 1969 a miña colaboración en galego.


Don Ricardo militara no Partido Galeguista, mais deixouno cando se xuntaron na República coas esquerdas e fixeron o Frente Popular. Mais o que moita xente non sabe é que don Ricardo militou no Carlismo. Era íntimo amigo de Manuel G. Cerezales, o esposo de Carmen Laforet. Cerezales era militante carlista e fundou, logo da fogueira de 1936, a revista 'Misión', na que colaboraban don Ramón Otero Pedrayo, don Vicente Risco, Elías de Tejada... No local de 'Misión' estiven nos anos sesenta na rúa da Cruz madrileña, que era onde tiñan a redacción.


Lembro un acto carlista en Vigo, tamén nos sesenta, no que tiven o privilexio de pronunciar un discurso. Lembro a Cerezales e a don Ricardo á nosa beira, con Feliciano Barrera, Zamanillo e Ulloa Meseguer.


Don Ricardo tivo moitos fillos, e por iso lle deron o premio pra facer unha casa pegada á que xa tiña na mesma rúa.


¡Qué tempos con don Alejandro, que cando llo permitía o poder descansar fora do seu despacho parolaba no baixo da rúa que hoxe leva seu nome con todo o mundo! Con aquela bonhomía, elegancia, sinxeleza, e sempre sorrindo.


Naquela redacción de tantos amigos: Ángel Huete, Álvarez Alonso, Alejandro L. Outeiriño, Servando Ellacuriaga... ¡Qué boa xente e que mañíficas persoas e xornalistas!


Don Ricardo escribiu varias novelas, que non viron a luz -el era introvertido- salvo a novela 'Cuentos de Ourense'. Lembro como parolaba co meu bo pai no inverno, que era cando meu proxenitor descansaba, logo de percorrer España, e nas conversas don Ricardo 'entrevistaba' a meu pai sobre o divino e o humán.


Foi unha grande honra coñecer, tratar e recibir atencións de don Alejandro e don Ricardo.

Te puede interesar