Opinión

O NOSO IDIOMA

Deixáramos Budapest tras pasar elí unha noite. Ao mediodía chegamos á fronteira coa Unión Soviética. Na aduana o KGB mirounos, non soio os baixos do autobús, senón tivemos que declarar as sortixas, as cadeas do Cristo de Ourense. Dúas horas de requisitos pra poder entrar no 'paraíso' soviético. Si. Alí, onde Gorbachov tentaba de levar adiante a perestroika e a glasnost, que soamentes se deixaba ver en Moscú. No resto seguían os mesmos cans cos mesmos collares.


Xa ao pé dos Cárpatos, Pecherín tiña na praza principal, como tódalas cidades, unha grande estatua de Lenin. Tiñamos que estar elí unha semán nunha misión cultural. Ollabamos as colas pra comprar pan -no graneiro de Rusia- que endexamáis chegaba ao seu final. Nin pan no 'paraíso'. Puxéranos a unha intérprete que falaba inglés e castelán (¡) que estaba atenta ao que falabamos. Unha amistade avisounos que ollo. 'Manuel tiene miedo', díxolle ao meu compañeiro que mo transmitiu a min. '¿Medo a quén?', resposteille.


Percorrimos aquíl territorio cheo de exdesterrados de outros pobos da URSS. A intérprete non nos deixaba nin a sol nin a sombra. Entereime logo que aprendera o castelán en Cuba. O último día camiño do autobús faloume no idioma de Cervantes espetándome o seu fracaso por non poder informar ao KGB do que falábamos, pois facíamolo nun idioma que ela non entendía. Claro, fixémolo sempre en galego.


Xa de novo na aduana, logo de ollar as minas no chao xunto ás alambradas daquela inmensa cárcere que dende 1917 quería redimir aos pobres, e o que conseguín foi facer un pobo -moitos pobos- miserables. Gorbachov era odiado polos seus camaradas, que o consideraban un traidor.


Na cea de despedida que nos deron os xerarcas soviéticos puxéronme á miña dereita na mesa presidencial a un mestre ucraniano que sabía o castelán e que o aprendera -eso díxome- escoitando Radio Nacional de España, na súa emisión ao exterior.


Falabamos baixiño por indicación dil, e somentes cando un dos xerarcas levantaba a copa do viño -bo viño, vive Deus- en alto deciamos '¡Salud!'. Non agarrei unha castaña de milagre. O mestre co que cambiaba impresións, e ao amenizar a sobremesa un grupo rockeiro, díxome á orella: 'Esa es la perestroika de que disfrutamos'.


Soñei co que dixera a intérprete Larisa, baixa, fea, espía. Gracias a que temos un idioma propio os galegos, salvámonos de vaia saber vostede que...

Te puede interesar