Opinión

AS XORNADAS DE FOLCLORE

Coa autorización de Victorino Núñez, daquela presidente da Deputación, Julio Fernández Senra e mais o que enriba firma escomenzamos coas Xornadas de Folclore. Agora xa son maiores de edade e seguen a alegrar os vrans na nosa provincia.


O primeiro e o segundo ano as xentes das vilas índa non acudían coa masificación que logo conseguimos que fixeran. Aos alcaldes somentes lle pediamos que nos deran a cea e que puxeran o escenario. Somentes se deron de baixa en Baños de Molgas, mais sustituímolo por Chaves (Portugal) e Monforte de Lemos. Teño moitas anécdotas nos moitos anos que compartín a dirección co Julio. Mais hoxe somentes vou contar unha.


Habíamoslle dado os cartiños das dietas, entre eles a un grupo mouro. O conto é que aquel día tocoume a min ir a fronte dos danzantes ao Barco de Valdeorras. Os mouros, a meirande parte deles, ao rematar a súa actuación colleron unha sopa co bon viño de Valdeorras de non te menees. E fíxolles tanto mal que tiven que levalos ao Hospital do Barco. Eran todas intoxicacións etílicas, e a algún deles tiven que traelo nunha ambulancia ata o Hospital Santa María Nai da nosa cidade. Outros soio botaron un día hospitalizados. O Mahoma non lles perdonou o pecado de beber o viño noso.


A estadía era, e inda é, na Universidade Laboral, que se convirte nunha ONU, onde tódolos mozos e mozas conviven amigablemente, pois a cultura non ten fronteiras. Hai que destacar a axuda importante dos mozos e mozas de 'Castro Floxo' que acompañaban nos autobuses aos bailarís pra atendelos no que lles fixera falta.


Xosé Luis Baltar quixo un ano suprimilas, pois o custo económico pra Diputación era alto. Mais eu convencino fácilmente que xa buscaríamos con que financialas e fixemos a xestión coa Xunta de Galicia, que daquela era do Partido Popular, e as xornadas seguiron. Teño o convencemento, pois coñezo ben a Baltar, que si eu lle dixera que finiquitaran, pois puñámoslle fin.


As Xornadas de Folclore son unha aportación do organismo provincial na súa laboura cultural. Meus parabéns a Xulio, aos mozos de Castro Floxo, e a Diputación ourensá.

Te puede interesar