Opinión

CANDO O CINEMA LEVA NOME DE RAPACES

Se lles digo os nomes de Miquel Fortaleza, Nacho Sepúlveda ou Yaldá Peñas estou convencida de que lles pasará o mesmo que me pasaba a min ata o venres pasado, non saberán de que lles estou a falar. E é que os seus nomes non saen en revistas, xornais nen televisión. Pero resulta que estes raparigos, si, si raparigos, as súas idades están comprendidas entre 16 e 17 anos, son os codirectores dunha longametraxe que está a dar a volta ao mundo fóra dos grandes circuitos convencionais de distribución dende o seu preestreno na sede da ONU en Xinebra. Estoume a referir a 'This is me'. Pero se vostedes son uns dos poucos ou poucas afortunados ou afortunadas que a puideron ou a poden ver en Ourense (non a busquen nas salas comerciais de proxección, como case sempre ocorre na nosa cidade non atoparán nengunha sala na que teña cabida unha película destas características) e se se paran a ver os créditos da cinta, lerán ata 42 nomes todos eles de rapaces e rapazas con idades comprendidas entre 10 e 18 anos. E é que esta película foi escrita, interpretada, dirixida e montada por nenos e adolescentes de Europa, América Latina, Norteamérica, Asia e África, cun denominador común a escola de cine 'Orson the Kid'.


'Orson the Kid' é unha escola de cine para rapaces e rapazas de idades entre 8 e 18 anos nacida en Madrid hai dez anos da man de Jorge Viroga. Trátase dunha escola multicultural e diversa, 'cantas máis diferenzas a compartir máis rica será a escola', tan peculiar que ata os seus obxectivos resumidos polo propio fundador sáense do convencional: 'Educar aos nenos na arte cinematográfica, para que nun futuro estes xovenes espectadores sexan máis críticos e máis selectivos co que ven e fan. Que saiban ver que algo é bo ou malo por eles mesmos. Que se divirtan e ao mesmo tempo saiban o abecé do proceso dunha película'. Para isto, estudian tódolos sábados de novembro a abril cun horario de 11 da mañá a cinco da tarde, guión, storyboard, cámara, dirección, montaxe, música, interpretación, maquillaxe, decorado e vestiario. O resultado, unha trintena de curtametraxes ('La máscara de la tristeza', 'La memoria tiene un precio', 'Bajo un árbol'?), un documental e tres longametraxes: 'El Guardavías' (baseada na obra 'The Signalman' de Charles Dickens e que constituiu a primeira longametraxe realizada por nenos no mundo), 'Los veraneantes' (baseada no conto 'A boneca zíngara', trata aspectos coma a xenofobia, o racismo, a violencia de xénero,?) e a que puidemos ver o venres pasado dentro do espazo 'Cinema nas aulas' no marco do Festival de Cine Independiente de Ourense, 'This is me'.


'This is me', feita coa colaboración de Salve the Children, é unha historia de denuncia e de dor. Da dor dos milleiros de rapaces e rapazas que diariamente están sometidos a violencia e violación dos seus dereitos, pero feita e vista dende o ponto de vista dos propios rapaces. É a historia de Vahid, un neno soldado africano que foxe e chega a España desexando vivir coma os outros rapaces que ve nos anuncios da tele; a de Xion Li, unha rapaza china que escapou dunha rede de prostitución infantil e que agora vive de roubar nas rúas, e a de Luisa unha muller española que lles axuda a fuxir?, é unha historia de amizade e supervivencia, de dor e de perdón, de compromiso e denuncia que nos deixa unha morea de mensaxes que cada quen debe interpretar.


Ah!, non me resisto a deixarlles unha recomendación final. Dous libros: 'Como hacer cine antes de los 18' e 'Como hacer cine en casa', próximo proxecto da escola 'Orson the Kid' e un boísimo agasallo para os seus fillos ou fillas. Poderán comprobar que hai vida máis aló da Play Station.

Te puede interesar