Opinión

CANDO OS SÚBDITOS SE CONVERTERON EN CIDADÁNS

Decía Hans Kelsen que un dos grandes retos do século XX era 'lograr a transformación de milleiros de súbditos que existen no mundo para convertelos en cidadáns', e engadía que para conquerir isto era necesario 'buscar o grao de sensibilidade que lles permitira deixar de calar e de obedecer para comezaren a falar, a cuestionar e a participar na vida pública dos seus países'. Case corenta anos despois da súa morte e no século XXI, un xove informático en paro de 26 anos, vendedor de froitas e súbdito tunesino da cidade de Sidi Bonzid, Mohamed Bouazizi, levou a eses milleiros de súbditos esa 'sensibilidade' da que falaba Kelsen e, sen querelo nen pretendelo, pasará ás páxinas da Historia coma o detonante que uniu a unha poboación cansada da corrupción dos seus gobernantes, da pobreza, dos abusos policiais,do elevado desemprego entre a poboación xove, da ignorancia, e converteunos en cidadáns desexosos de vencellaren o seu futuro aos seus países. Todos eles unidos polo denominador común do autoritarismo e de sufriren uns férreos rexímenes totalitarios mantidos coa complicidade dos países occidentais, os mesmos que agora se apuran a pedirlles, na miña humilde opinión coa 'boca pequena', reformas democráticas, liberdade, progreso e xustiza social a uns rexímenes que por intereses estratéxicos e económicos non dubidaron en apoiar e manter.


Dende a herdeira da antiga Cartago, Tunes, ata a dos Faraóns, Exipto, pasando, por agora con 'pinceladas', por Marrocos, Arxelia, Libia, Xordania, Siria e, en menor medida, os acartonados estados da Península Arábiga unha vaga de explosión social exténdese movida por xoves aos que a súa formación os liberou de medos, de prexuizos e do fanatismo dunhas sociedades pechadas e frustradas en que se converteran da man duns sátrapas aos que algúns analista xa denominaron 'dictadores perfectos' ao combinaren unha mistura de control das institucións e dos resortes dos estados cunha aparente ideoloxía laica e modernizante fácilmente vendible a un Occidente que sabe pechar os ollos e mirar cara outro lado segundo por onde vaian os ventos da xeopolítica. Son os Ben Alí en Tunes, os Gadaffi en Líbia, os Mubarak en Exipto, os Mohammed VI en Marrocos, os Saud en Arabia ou os Assad en Siria, entre outros.


O centro das protestas está nas escolas e nas universidades, non nas mesquitas; non son extremistas, nen radicais, nen islamistas; non berran por Alá senón pola democracia e a liberdade, len xornais e comunícanse mediante as redes sociais; non se apoian en partidos políticos nen en grupos relixiosos, non levan kalasnikov senón pancartas e a mellor de tódalas armas, a palabra; e, o máis importante, xa non cren naquilo de 'o caos ou nós'. O seu obxectivo é conquerir unha democracia laica e o desenvolvemento social que lles permita ser protagonistas da súa propia historia. Pero isto, por agora, terán que conseguilo por eles mesmos e a pesares da comunidade internacional, aínda anclada no vello discurso da seguridade, e cuxos intereses, coma case sempre, non corren parellos aos da vontade popular.

Te puede interesar