Opinión

A CARA OCULTA DAS REDES SOCIAIS

'Nunha relación quen somos é máis importante que o que facemos (?). A necesidade de relacións sociais nos humanos é algo tan necesario como a auga para que o home poida subsistir ?'


(Stephen Cove)




Evidentemente é imposible vivir sen interactuar con outras persoas, nembargantes nesta interactuación a calidade das relacións que establecemos aseméllaseme fundamental. Por iso, sempre tiven a dúbida de se os novos medios cos que nos relacionamos, as redes sociais, nos ofrecen esa calidade.


Vexamos, segundo os sociólogos unha rede social é 'unha estructura social composta de persoas, que están conectadas por un ou varios tipos de relacións, amizade,parentesco, intereses comúns, intercambios económicos, relacións sexuais, coñecemento',? E dicir, son ao ciberespacio o que na realidade é un clube. Pero o seu funcionamente, é o dun clube? Esta pregunta parecíame importantisima á hora de abordar este tema. Non creo que a estas alturas haxa alguén que poña en dúbida as súas avantaxes pero somos conscientes de que estas novas 'ágoras' onde coñecemos xente, compartimos aspectos da nosa vida, charlamos, e incluso aprendemos, presentan unha cara oculta? Non debemos esquecer que estamos falando dun medio virtual, no que sen querelo, uns, ou querendo, outros, sacamos o mellor e o peor de cadaquén, pero a diferenza do que ocorre na vida real,respaldados por un anonimato que nos protexe e, sobre todo, pola falta da presencia física do noso interlocutor.


Antes de escribir este artigo, fixen unha pequena investigación sobre o tema meténdome en varias destas redes sociais, nalgunha das cales estamos case todos nós.Atopeime con varias cousiñas que me gustaría compartir con vostedes. Verán, primeiro, baixo o paraugas de 'rede social' acubíllanse páxinas de tódolos tipos, dende as redes puramente sociais ata as páxinas de contactos sen que na meirande parte dos casos exista por parte dos 'donos' destas páxinas unha especificación clara de cal é o seu contido. E isto ocorre porque neste medio das 'relacións ciberespaciais' e a diferenza do que ocorre nun clube, non son as páxinas destinadas a elo as que indican o seu obxectivo senón que son os usuarios os que cadaquén as emprega segundo os seus intereses. Decíame un usuario que 'segundo o uso que cada quen lle queira dar', co que implicitamente estaba recoñecendo a falla de control no seu contido.Se nun clube vostede sabe perfectamente ao que vai (se é un clube de lectura pois vai a compartir con outros afeccionados á lectura, se é un clube de vela vai facer vela,?) aquí cada quen vai por libre, podendo atopar quen vai a unha páxina puramente 'social' e a emprega como páxina de contactos e viceversa.


Segundo, o acceso a estas páxinas, calquera cuns mínimos coñecementos de informática (sexa maior ou menor de idade) pode abrir unha conta en calquera rede tanto nas sociais propiamente ditas coma nas páxinas de contactos. Isto vencellado ao anonimato, que algúns tanto defenden, significa que un fillo seu de nove anos, por poñer un exemplo, pode crearse un perfil de adulto e vostede pode inventar o seu 'universo paralelo' imaxinario para vender aos demais usuarios como se da súa propia vida se tratara. É a realidade ciberespacial que en moitos casos pouco ou nada ten que ver coa real.


E a terceira parte desta cara oculta somos os usuarios. Xunto a aquelas persoas que nos achegamos a estes modernos clubes da intercomunicación ben por coñecemento, por compartir información, por socialización, existen os depredadores sociais que sen nengún tipo de control 'pululan' pola rede ao amparo dese anonimato mantido baixo o paraugas dunha falsa liberdade.


Para rematar quixera que se fixeran dúas preguntas: primeira, cantos de nós estariamos dispostos a someternos a un control rigoroso tal e como se fai nos clubes para poder formar parte dalgunha destas redes?, e segunda, estarían dispostos os donos destas páxinas,grandes empresas, a perder parte do seu negocio en aras a unha mellor seguridade? Que cadaquén saque as súas conclusións?

Te puede interesar